O programa integrado de emprego de Chantada puxo fin cun 74 % de inserción laboral

RibeiraSacraXa
En total, o programa atendeu a 100 traballadores desempregados, dos cales 58 corresponden a Chantada e 48 deles xa obtiveron un emprego
clausura-pie-chantada
30 Sep 2025

Chantada pechou este luns o seu Programa Integrado de Emprego, que rematou cunha taxa de inserción laboral dun 74 %. A iniciativa contou cun financiamento de 220.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e sumou a colaboración doutros doce concellos das provincias de Lugo e Ourense.

En total, o programa atendeu a 100 persoas desempregadas, das que 58 residían en Chantada. Segundo o balance final, case a metade delas xa están traballando, mentres que resto de municipios implicados tamén rexistraron cifras elevadas de inserción.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto de clausura e puxo en valor uns resultados que atribuíu á planificación das accións en función dos perfís profesionais das persoas usuarias e das necesidades das empresas da contorna.
Durante o ano, os participantes recibiron orientación individualizada e formación en ata 14 especialidades. Entre os cursos máis solicitados estiveron os de manipulador de alimentos, limpeza en centros escolares, condución de carretillas elevadoras ou teleformación en emprendemento e acompañamento en transporte escolar. Ademais, 19 persoas realizaron prácticas en empresas locais, das que unha parte conseguiron contrato ao rematalas.

Arias lembrou que na provincia de Lugo se desenvolveron no marco da convocatoria de 2024 cinco programas, con preto de 30 concellos implicados e un investimento global de 1,1 millóns de euros. De cara á nova edición, a Consellería prevé destinar 10,3 millóns de euros a máis de 40 proxectos en toda Galicia, con novidades como unha liña específica de dous millóns dirixida a apoiar a persoas maiores de 52 anos.

⚙ Configurar cookies
0.064519882202148