O Programa Integrado de Emprego de Chantada logrou incorporar ao mercado laboral a máis de 70 persoas

RibeiraSacraXa
O programa desenvolveuse durante a tempada 2024/25 co obxectivo de mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dun centenar de persoas en situación de desemprego
programaa-integrado-de-emprego-chantada
24 Sep 2025

O vindeiro luns 29 de setembro ás 10:30 horas, o Auditorio Municipal de Chantada acollerá o acto de clausura dunha nova edición do Programa Integrado de Emprego, impulsado polo Concello de Chantada xunto cos de Carballedo, Taboada, Sober, O Saviñao, Pantón, Bóveda, Paradela, A Peroxa, Coles, San Cristovo de Cea e Vilamarín.

O programa, desenvolvido durante a tempada 2024/25, tivo como finalidade mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas mediante accións de orientación, asesoramento, formación e intermediación laboral. En total, impartíronse 14 cursos desde outubro do ano pasado, deseñados en función das demandas das empresas e do perfil profesional das persoas participantes, o que permitiu un mellor axuste entre as ofertas de emprego e as candidaturas dispoñibles.

O Concello fai un balance positivo desta edición, con máis de 70 participantes que iniciaron a súa actividade laboral tras pasar polo programa, e prevé que a cifra siga aumentando nos próximos meses grazas aos contactos e accións desenvolvidos.

De cara ao futuro, o Concello de Chantada xa solicitou a posta en marcha dun novo Programa Integrado de Emprego 2025/26, cuxa resolución por parte da Xunta se espera para o mes de outubro. Unha vez aprobado, abrirase o prazo para novas inscricións. O requisito fundamental para participar é estar en situación de desemprego e inscrito como demandante no servizo público de emprego.

⚙ Configurar cookies
0.094676971435547