O programa ‘Descurbir Quiroga’ celebrou este sábado unha actividade de barranquismo no Ferreiriño

O programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, impulsado pola Concellería de Turismo en colaboración coa Deputación de Lugo, celebrou este sábado unha nova actividade centrada no barranquismo. Baixo o título “Descubrir barrancos no río Ferreiriño” e con todas as prazas cubertas, un grupo de dez persoas participou nun descenso guiado por este afluente e o Regueiro Seco, que suman uns sete quilómetros de percorrido.
O Concelleiro de Medio Rural, Luis Manuel Arias, foi o encargado de recibir ao grupo na Casa da Cultura, punto de encontro para esta xornada, xa que o Concelleiro de Turismo, Vicente Parra, non puido asistir por motivos laborais. Desde alí, os participantes desprazáronse ata Leixazós, onde o guía José Gutiérrez lles explicou as indicacións básicas antes de iniciar o percorrido polo río.
A ruta incluíu meandros encaixados, catro cascadas, rápidos e pequenos saltos, permitindo aos asistentes desfrutar dunha experiencia diferente en plena natureza.
O programa “Descubrir Quiroga” continúa aberto con novas propostas. As próximas citas serán “Paseos Conscientes”, o sábado 12 de xullo, que combinará ioga cun paseo pola beira do río Quiroga, e “Montefurado, terra de romanos”, o 20 de xullo, cun percorrido pola historia romana da zona e unha visita a un muíño de aceite.
As actividades son gratuítas, pero é necesario inscribirse na Oficina de Turismo de Quiroga, chamando ao 982 43 51 25 ou enviando un correo a turismo.quiroga@eidolocal.es.