O programa “Descubrir Quiroga” pechou a tempada cunha ruta polas fervenzas

O programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, impulsado pola Concellería de Turismo de Quiroga coa colaboración da Deputación de Lugo, pechou a tempada cunha última ruta interpretada polas fervenzas do municipio. A actividade, titulada “As fervenzas de Quiroga: a caída da folla”, levou aos participantes a percorrer lugares emblemáticos como a fervenza do Pombar e a fervenza de Vieiros, guiados por Coureleando.
Ao longo do verán, “Descubrir Quiroga” ofreceu propostas variadas que combinaron natureza, cultura e aventura. Entre elas destacaron rutas históricas polo Camiño de Inverno ou o Ferradal, experiencias sensoriais como paisaxes sonoras no val da Seara, obradoiros de artesanía en madeira de oliveira e encaixe de bolillos, así como actividades de deporte e aventura, como barranquismo no río Ferreiriño ou piragüismo en Augasmestas.
O programa, gratuíto e recentemente premiado co “Premio á Excelencia do Turismo e a Gastronomía da Provincia” na categoría Lugo Cambia, busca atraer visitantes ao municipio e dinamizar a economía local, ofrecendo experiencias únicas en contacto coa natureza e a cultura de Quiroga.
Vicente Parra, concelleiro de Turismo, destacou que o proxecto terá continuidade, fomentando un turismo rural sostible e poñendo en valor o patrimonio local.