O Programa Deportivo de Verán de Monforte ofertará 814 prazas
O “Programa Deportivo de Verán do Concello de Monforte 2022” estará composto nesta edición por catro actividades deportivas, engadindo unha máis con respecto ó ano 2021, tal e como informou na súa presentación o alcalde, José Tomé Roca.
O rexidor monfortino salientou que “dende o equipo de goberno decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas cada ano, especialmente no período estival, ademais de ofrecer ós nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida e saudable”.
“O noso obxectivo”, continuou Tomé Roca, “é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar das súas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.
José Tomé Roca destaca que “dende o Concello fixemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destas actividades de verán, nas que ofertamos un total de 814 prazas, que é o número máis alto dos últimos anos e supoñen un incremento do 32% con respecto a 2021 (616), con 198 prazas máis ofertadas”.
MÁIS PRAZAS, MÁIS TEMPO E MÁS ACTIVIDADES
O alcalde subliñou as principais novidades que o equipo de goberno decidiu aplicar nesta edición do Programa Deportivo de Verán.
No que se refire ó Campamento de Verán, “aumentamos o número de prazas ofertadas, con 72 prazas máis que na edición anterior (288), cun total de 360 prazas, o que supón un incremento do 25%”, sinalou José Tomé.
Tamén se incrementan o número de prazas a disposición dos servizos sociais de Monforte, que pasa de 4 a 8.
“Das prazas ofertadas por quenda, reservamos 6 prazas para persoas con discapacidade superior ou igual ó 33%, 2 máis que o ano pasado, un 50% máis”, apunta.
Finalmente, tamén se mantén unha quincena máis de actividade no mes de agosto, “a pesares de que esta se establecera especificamente para a época máis dura da pandemia do Covid-19”, explicou o rexedor monfortino.
Na XVI edición do Campus de Fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo a principal novidade está tamén no incremento do número de prazas ofertadas: 28 prazas máis que na edición anterior (72) o que supón un aumento do 38%, con 100 prazas en total.
Os Cursos de natación contarán cun total de 300 prazas o que supón un 17% máis que o ano pasado.
E polo que respecta á nova actividade incorporada este ano, os Cursos de tenis contarán con 54 prazas novas de actividade.
O CAMPAMENTO MANTÉN AS TRES QUENDAS
O Campamento de Verán desenvolveranse por terceiro ano consecutivo nun período de tempo máis amplo do habitual, do 1 de xullo ao 12 de agosto.
Deste xeito, ó igual que en 2021 serán tres quincenas, cun total de 30 días de actividade. “Polo que quero resaltar que facemos un esforzo considerable dende o Concello, esforzo que xa fixemos o ano pasado por mor da pandemia e que este ano volvemos a facer polo ben das familias e dos nenos e nenas de Monforte”, salientou o alcalde.
Neste senso, en anos anteriores establecíanse 2 quincenas durante o mes de xullo, con 20 días de actividade. “Polo tanto, isto quere dicir que en 2022 aumentamos nun 30% a duración dos campamentos de verán”.
A distribución das 3 quendas será a seguinte, sempre de luns a venres, non festivos, de 10.00 a 14.00 horas:
- Do 1 ó 15 de xullo.
- Do 18 ó 29 de xullo.
- Do 1 ó 12 de agosto.
“Esta distribución en 3 quendas”, explicou José Tomé, “que comezou na edición do ano 2020, estivo motivada polas limitacións impostas pola pandemia do Covid-19. Na actualidade podemos dicir que recuperamos a normalidade case na súa totalidade. Por iso, o Concello de Monforte decide continuar ofertando as 3 quendas para dar así un servizo que chegue a moitas máis persoas, dada a súa demanda”.
O número de prazas ofertadas por quenda será de 120 prazas distribuídas en 8 grupos de traballo, o que establece unha ratio de 15 alumnos/as por monitor/a.
MÚLTIPLES ACTIVIDADES PARA NENOS DE 5 A 12 ANOS
As actividades ofertadas, como en pasadas edicións combinarán accións multideportivas con obradoiros variados, e excursións diversas. As actividades levaranse a cabo na área deportiva da Pinguela.
Nos campamentos poderán participar nenos e nenas de entre os 5 e os 12 anos de idade, que poderán realizar a preinscrición de xeito telemático a través da páxina web do Concello a partir do luns 23 de maio.
No momento da preinscrición, as persoas interesadas poderán solicitar a participación entre 1, 2 ou 3 quendas e terán que asignarlle a orde de preferencia a cada unha delas.
Na asignación de prazas para a quenda preferente terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Monforte, así como persoas cuxos proxenitores estean ambos traballando e familias monoparentais.
Para a asignación do resto de quendas terán prioridade unicamente as persoas empadroadas no Concello de Monforte.
PREINSCRICIÓN D0 23 AO 31 DE MAIO
O prazo para levar a cabo esta preinscrición será entre o 23 e o 31 de maio de 2022. O 3 de xuño publicarase a lista de persoas preinscritas. No caso de que a demanda supere ó número de prazas ofertadas, farase un sorteo de prazas o 6 de xuño e o 8 de xuño darase a coñecer a lista de persoas admitidas así como a lista de espera.
A inscrición definitiva, coa aportación da documentación requirida, efectuarase entre o 9 e o 17 de xuño.
O custe da actividade será ó igual que en pasadas edicións de 51,75 euros por quincena para matrículas sen transporte e de 67,28 euros para aqueles nenos e nenas que necesiten transporte para achegarse ó seu campamento xa que, ó igual que outros anos, ofertarase o serviz de transporte en autobús para todos aqueles que o necesiten. As familias numerosas terán un 50% de desconto.
O CAMPUS DE FÚTBOL, DE 7 A 14 ANOS
A actividade deo XVI Campus de Fútbol Cidade de Monforte - RC Celta de Vigo celebrarase na primeira semana do mes de agosto, entre os días 1 e 5.
Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que, de igual xeito que para o Campamento Deportivo, poderán realizar a súa preinscrición online entre o 23 e o 31 de maio.
O número de prazas ofertadas será de 100, que se distribuirán en 6 grupos de traballo, o que supón 28 prazas máis que en 2021.
Á hora da adxudicación das prazas terán prioridade as persoas empadroadas en Monforte de Lemos.
NATACIÓN PARA NENOS E ADULTOS
Estes cursos están dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas e terán lugar durante os meses de xullo e agosto. Haberá cursos intensivos de 15 días con clases de luns a venres para categorías infantil e nenos, e cursos mensuais de dous días á semana para bebés e adultos.
Para levar a cabo as inscricións nalgún dos cursos ofertados, as persoas interesadas deberán acudir á piscina climatizada municipal. As persoas aboadas a partir do 20 de xuño e a partir do 23 de xuño as non aboadas.
Estes cursos de natación contarán cun total de 300 prazas, fronte ás 256 ofertadas o ano pasado, é dicir, son 44 prazas máis, o que supón un 17% máis. Por meses, ofertaranse 180 no mes de xullo e 120 no mes de agosto.
TENIS, A NOVIDADE ESTE ANO
Este ano 2022 será novidosa a organización de Cursos de tenis que se desenvolverán entre o 1 e o 12 de agosto.
En total son 54 prazas dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que se ofertan repartidas en tres quincenas, do mesmo xeito que os campamentos deportivos.
As clases terán lugar nas Pistas de Tenis municipais da Pinguela e levaranse a cabo os martes e os xoves.