O programa da Feira do Viño de Quiroga foi presentado polo goberno local e adegueiros

RibeiraSacraXa
O programa da Feira do Viño de Quiroga foi presentado polo goberno local e adegueiros que fixeron un acto oficial
Presentacion Feira do Viño de Quiroga
18 Mar 2023

O Concello de Quiroga, Julio Álvarez, presentou a, segundo el, “Feira do Viño con máis atractivo dos últimos anos, tanto dende o punto de vista lúdico como das adegas participantes”.

Na presentación o rexedor local estaba acompañado do coordinador xeral da comisión organizadora, José Manuel Pol, do coordinador da parte vitivinícola, Pablo González, e de varios representantes das adegas participantes.

O adegueiro Pablo González centrou a importancia da Feira do Viño de Quiroga nos colleiteiros que participaron no seu momento e agora nas adegas “que están punteiras a nivel mundial en elaboración”.

González presentou a xornada do venres 7 de abril, na que se celebrarán unhas xornadas de viticultura heroica e un túnel do viño.

Explicou que “son xornadas de viticultura heroica cun irmandamento entre a viticultura canaria e a da Ribeira Sacra, un embaixador do Cervin falará sobre a viticultura heroica e sobre o concurso mundial máis importante deste tipo de viticultura. No túnel do viño participarán tres adegas canarias invitadas a través do Cabildo Canario”.

O túnel do viño estará atendido por alumnos e formadores da Fundación Belarmino Fernández, a única escola da Ribeira Sacra de formación en cociña, servizos, viticultura e etnoloxía.

Así, comentou que “tanto as adegas que participan no certame vitivinícola como a organización fixeron fincapé en intentar aglutinar todos os actores que van dende a produción da uva ata o servizo da botella de viño, tanto aquí como a nivel internacional”.

Programa da feira

José Manuel Pol encargouse de presentar o programa da feira, que comezará co desfile da Confraría do Viño o domingo día 26 de marzo, a exposición “O Camiño Ilustrado” e o concurso Quiroga de Tapas, entre o 29 de marzo ata o 7 de abril.

Tras a xornada dedicada a viticultura heroica, o sábado 8 de abril comezará co Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas tras a inauguración da feira polo Vicepresidente 2º e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso.

Haberá actuacións no Auditorio Municipal, pregón a cargo do polifacético Carlos Sobera, presentado por José Manuel Parada e Tania Taboada; concurso de camisetas e música de todos os estilos formarán parte do amplo programa organizado para a XLI edición da Feira do Viño de Quiroga.

José Manuel Pol destacou a participación de once adegas de Quiroga ou que elaboran o seu viño con uvas de Quiroga, e foi máis alá co matiz de que sendo a zona dos maiores colleiteiros hai que animar a que as adegas se vaian establecendo en Quiroga.

Neste punto coincidiron os adegueiros, destacando que “temos das mellores zonas para a viticultura”. Dende a adega Terrazas de Outeiro incluso apostilou que é unha pena que esta uva se vaia de Quiroga.

O adegueiro Pablo González cualificou a Quiroga como a “Milla de Ouro” da Ribeira Sacra.

Así, dixo que “a expansión da Ribeira Sacra, o seu crecemento pasa polos terreos de Quiroga, ninguén apostaría por unha viticultura mecanizada se a calidade non fose igual ou superior a que hai no resto da D. O. Contamos -recalcou- cun terreo, cun clima, cun viñedo e cunha superficie ca que os demais non contan”.

0.18638205528259