O programa da Deputación 'Reiníciate, encamiña o teu futuro' favorecerá a inserción laboral

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación presentou na Ribeira Sacra o programa Reiníciate, encamiña o teu futuro para persoas desempregadas de longa duración
Reiniciate encamiña o teu futuro Deputacion presentacion
14 Abr 2022

Esta iniciativa en sectores con alta demanda de persoal capacitado comezará a finais deste mes de abril e está dirixida a 120 persoas, sen límite de idade, que leven un mínimo dun ano inscritas no Servizo público de Emprego.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou no Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos o programa Reiníciate, encamiña o teu futuro ante adegueiros e adegueiras da Ribeira Sacra. Unha iniciativa de formación e emprego da institución provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI) enmarcada no Plan de Impulso de Economía da Provincia que pretende nutrir ao tecido produtivo de man de obra cualificada a través da formación de persoas desempregadas de longa duración. Acompañaron ao presidente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a xefa de Emprego da Deputación, Julia Vázquez Silvarrey.

Tomé Roca explicou que poderán acollerse ao Reiníciate, encamiña o teu futuro un total de 120 persoas, sen límite de idade, que acrediten levar un ano, como mínimo, inscritas no Servizo Público de Emprego. 

O programa, que está dotado con 355.000€, constará dunha parte de formación gratuíta en aqueles sectores con alta demanda de persoal capacitado, e doutra parte de formación  práctica. Haberá establecidas tres zonas de actuación para impartir as formacións, que comezarán a finais de abril: a zona norte (Burela) a zona sur (Monforte de Lemos) e a zona centro (Lugo). Todas as persoas participantes acadarán a capacitación básica e clave para acceder a un posto de traballo cualificado, o que permitirá a aquelas que carezan de formación mínima -graduado escolar ou ESO- acceder a capacitacións profesionais. Segundo explicou o Presidente, no caso da formación relacionada co sector do viño, “a formación práctica poderá ser en adegas, e despois crearemos unha bolsa de emprego á que empresarios e empresarias poderán acudir para contratar a este persoal capacitado”.

Ademais da formación relacionada co viño, haberá formación noutros sectores con demanda, como a atención sociosanitaria ou os idiomas.

Sinalou o presidente que “con este novo plan de formación e emprego cumpriremos un dobre obxectivo: Por unha parte, favorecemos a inserción laboral destas persoas, que teñen especiais dificultades para encontrar traballo, e, ó mesmo tempo, facilitamos que diferentes sectores profesionais, como o vitivinícola, poida nutrirse de man de obra cualificada, tan demandada e tan necesaria”. O mandatario provincial engadiu que este programa forma parte do paquete do Plan de Impulso da Economía da Provincia, “que lanzamos o ano pasado dende a Deputación de Lugo para axudar a paliar o impacto da pandemia nos sectores produtivos e a recuperar a actividade de maneira sostible”.

“Penso que calquera persoa merece novas oportunidades. Ás veces na vida unha circunstancia, como puido ser a pandemia, ou a enfermidade dun familiar, obríganos a

desconectar da vida laboral. Este programa vai diso, de dar novas oportunidades á xente que sufriu un revés e ten vontade de traballar, pero ó mellor non ten os medios adecuados para facelo”, valorou José Tomé.

OUTROS PROGRAMAS DE DINAMIZACIÓN

O presidente tamén explicou aos bodegueiros e bodegueiras da Ribeira Sacra que a Deputación ten en marcha outros dous programas dos que poden beneficiarse: o Reiníciate: dixitaliza a túa empresa e o Reiníciate: enfoca o teu futuro. O primeiro, un programa de formación e de asesoramento personalizado que se ofrece ás empresas da provincia de Lugo de maneira totalmente gratuíta para axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio. O segundo, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer a inserción no mercado de traballo da xente nova da provincia dándolle formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e coa dixitalización.

Neste último programa está aberto o prazo para que as empresas e asociacións interesadas poidan solicitar unha axuda económica para incorporar a estes rapaces, xa formados, durante un período de tres meses en réxime de prácticas non laborais remuneradas.

0.092344999313354