O programa ‘Andares por Galicia’ levará á veciñanza de Oleiros a coñecer a serra do Courel

RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
A ruta será o sábado 31 de maio entre a Devesa da Rogueira, a Seara e a fervenza de Vieiros
ruta-devesa-da-rogueira-oleiros
Devesa da Rogeira
17 May 2025

O sábado 31 de maio celebrarase unha nova ruta do programa Andares por Galicia. Será a ‘ Ruta polo Courel: da Devesa da Rogueira á Seara e fervenza de Vieiros’, organizada polo Concello de Oleiros.

As persoas participantes visitarán puntos de interese como a Devesa da Rogueira, Fontes do Cervo (augas calcáreas e ferruxinosas), Miradoiro do Pico Polín, Campa da Luzenza, fervenzas do Fócaro e de Vieiros no río Selmo, aldea de montaña de A Seara, castelo de Carbedo e microreserva de orquídeas do Alto do Couto... para rematar cunha visita cultural ao Museo Etnográfico de Quiroga ou Colección de instrumentos de Música de raíz da Fundación Legar na Seara.

Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

A saída do 31 de maio contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas, cun prezo de 23 euros.

As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica, no catálogo de trámites, sección cultura. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.

⚙ Configurar cookies
0.16027903556824