O programa “A caída da folla” chegará a Quiroga con actividades sobre minería aurífera e música

RibeiraSacraXa
Será os días 1 e 2 de novembro e contará cun percorrido musical entre viñedos e unha ruta guiada polos xacementos auríferos do Xeoparque Montañas do Courel
a-caida-folla-quiroga
18 Oct 2025

O programa “A caída da folla”, impulsado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, desenvolverá dúas das súas propostas no concello de Quiroga. Esta iniciativa, que se estende do 11 de outubro ao 9 de novembro, combina natureza, cultura e benestar a través de actividades como talleres, rutas, mindfulness, visitas nocturnas ou cursos de orientación.

En Quiroga, as citas serán o 1 e 2 de novembro. A primeira delas, o sábado, estará centrada na minería aurífera no Xeoparque Montañas do Courel, entre Quiroga e Ribas de Sil. Os participantes, acompañados dun arqueólogo, descubrirán o traballo dos romanos na extracción de ouro e visitarán un dos xacementos máis importantes de Galicia. A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 16:00 horas e inclúe traslados en microbús, monitor especializado e picnic, cun custo de 15 euros.

O domingo será a quenda da ruta musicada “Paisaxe sonora de Quiroga”, que propón un percorrido sensorial entre viñedos acompañado pola música de Xavier, da Fundación Legar, e os seus instrumentos de raíz vinculados á cultura do viño. Esta actividade celebrarase de 10:30 a 13:00 horas e rematará coa degustación dun viño. O prezo é de 6 euros e os desprazamentos faranse en vehículos particulares.
As propostas forman parte dun programa de promoción turística con prezos subvencionados a través do Convenio coa Axencia de Turismo de Galicia 2025.

⚙ Configurar cookies
0.070725917816162