O programa ‘A Administración preto de ti’ chega esta semana a Chandrexa de Queixa

Chandrexa de Queixa acollerá o vindeiro martes 20 de maio unha xornada do programa estatal “A Administración preto de ti”, unha iniciativa do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática que ten como obxectivo achegar os servizos da Administración Xeral do Estado (AXE) ás zonas rurais.
A actividade desenvolverase nas instalacións do Concello entre as 11.00 e as 14.00 horas, e permitirá ás veciñas e veciños obter o seu certificado dixital sen necesidade de desprazarse a outras localidades. Para unha mellor organización e atención individualizada, recoméndase realizar unha inscrición previa chamando ao teléfono do Concello: 988 33 40 00.
Este programa, en funcionamento desde novembro de 2022, está xestionado polas Delegacións do Goberno e busca facilitar o acceso á AXE nos municipios que non dispoñen de oficinas físicas. O seu propósito é garantir que a cidadanía, independentemente do lugar onde resida, poida realizar trámites administrativos en igualdade de condicións, contribuíndo así a unha administración máis próxima e accesible.