O primeiro Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra celebrarase do 9 ao 11 de xuño en Taboada
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, que se celebrará do 9 ao 11 de xuño en Taboada e que está promovido pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada (ACIMTA).
Durante os tres días que se prolongará o evento, haberá actividades "que subliñan a importancia do viño como elemento vertebrador do concello e da comarca, poñendo o foco en aspectos culturais, patrimoniais e de sustentabilidade ambiental", destacan desde a Deputación.
Esta é a primeira edición do evento, que busca reforzar a posición do municipio como espazo referencial da Ribeira Sacra cunha proposta diferenciada das festas e feiras do viño que se celebran na contorna.
Programa
O programa inclúe intervencións artísticas, maridaxes enogastronómicas, catas, visitas a adegas, viñas e lagares, en diferentes puntos do concello, desde a Praza de Riazón ou os espazos culturais e sociais da vila ata diferentes puntos das puntos das parroquias ribeirás.
Unha das singularidades da programación deseñada é a creación dun Museo Vivo, unha sala expositiva na que, ademais de apeiros utilizados para a vendima e para a elaboración do viño, se proxectarán fotografías e vídeos e se organizarán faladoiros a partir de experiencias persoais e profesionais ao redor do viño, poñendo en valor as testemuñas e vivencias de mulleres e homes das parroquias da Ribeira.
Este espazo dará lugar así á creación e recompilación de materiais da tradicional oral e contidos que permitan expandir ese traballo de información e transmisión da cultura do viño máis aló dos días do encontro, a través das redes sociais e outras ferramentas comunicativas.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, valorou “o carácter novidoso da proposta que, ademais de explicar a importancia do viño desde un punto de vista socioeconómico, afonda tamén na súa dimensión cultural e patrimonial, involucrando tanto a colectivos culturais como á veciñanza das parroquias da Ribeira”.