O primeiro Día de Bruxas de Torbeo reuniu a unhas 150 persoas en Ribas de Sil

RibeiraSacraXa
Dende o Concello destacan o gran éxito desta primeira edición, organizada pola Asociación de Veciños de Torbeo, e esperan que se consolide como unha celebración anual no municipio
dia-de-bruxas-torbeo-ribas-de-sil
I Día de Bruxas de Torbeo
21 Oct 2025

O pasado sábado 18 de outubro, Torbeo, no Concello de Ribas de Sil, foi o escenario do primeiro Día de Bruxas, un evento que reuniu arredor de 150 persoas procedentes de Galicia, León e Asturias. A xornada, organizada pola Asociación de Veciños de Torbeo (AVETO) e o Concello, coa colaboración da Deputación de Lugo, destacou pola combinación de historia, tradición e literatura.

O programa comezou cun percorrido polas paisaxes máis emblemáticas da parroquia, desde a antiga escola ata o miradoiro do meandro da Cúbela, finalizando no Centro de Interpretación do Río Sil. Durante a mañá desenvolveuse unha mesa de conversa sobre Filomena Arias Armesto, coñecida localmente como a “Bruxa de Torbeo”. Os poñentes, entre eles Carolina Martínez e Manuel Cao, exploraron a vida e o legado de Filomena, abordando diferentes interpretacións sobre os feitos extraordinarios que se lle atribúen e resaltando o seu papel na cultura popular galega.

Ao mediodía, os participantes realizaron un percorrido histórico, visitando a casa natal de Filomena, lugares asociados ás súas prácticas e a igrexa parroquial, onde puideron observar inscricións históricas que aluden á súa figura. Posteriormente, desfrutaron dunha comida popular organizada por AVETO.

Na sesión da tarde, a escritora Rosa Marina González-Quevedo presentou o seu libro Amanda, no que a historia de Torbeo e de Filomena ten presenza destacada, e entregáronse os premios do primeiro concurso literario “Filomena Arias”, con galardóns en categoría infantil e adulta.

A xornada rematou cun magosto e queimada, acompañados de música tradicional a cargo dos grupos de gaitas Son do Pucheiro e Peitoescuro.

O Concello de Ribas de Sil destacou a implicación de AVETO, que se encargou da organización de todos os detalles logísticos, garantindo que o evento se desenvolvese con éxito. O bo funcionamento desta primeira edición, aseguran dende o Concello, deixa aberta a porta a que o Día de Bruxas de Torbeo se consolide como unha celebración anual no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.072608947753906