O primeiro albergue público do Camiño de Inverno, no Saviñao, terá 34 prazas
O Saviñao acollerá o primeiro albergue público do Camiño de Inverno, unha vez rematen as obras de rehabilitación da antiga residencia bispal de Diomondi. O novo albergue, no que a Xunta inviste un millón de euros, contará con 34 prazas para a acollida dos peregrinos, dúas delas adaptadas. Os traballos comezaron o pasado mes de decembro e teñen un prazo de execución de quince meses.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que este sábado visitou as obras acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e do delegado territorial en Lugo, Javier Arias, valorou que os traballos "non só permitirán dotar aos peregrinos dun servizo de acollida, senón tamén recuperar un edificio medieval declarado Ben de Interese Cultural pero que se atopaba en estado de abandono desde que deixou de ser residencia do Bispado de Lugo".
Un convenio coa Igrexa permitiu poñer en marcha esta intervención que suporá a rehabilitación integral do edificio, respectando a estética exterior de muros de pedra e fiestras e substituíndo elementos en mal estado, como a estrutura de madeira e a cuberta de tella.
Con esta infraestrutura, a Xunta aposta tamén por impulsar o Camiño de Inverno, unha ruta empregada historicamente nos meses máis fríos como alternativa ao Camiño Francés e que percorre as terras da Ribeira Sacra, entre outros paraxes galegos. O Camiño de Inverno foi recoñecido oficialmente no ano 2016 e, desde aquela, é unha das rutas que máis están a medrar en número de peregrinos.