O presidente da Deputación de Lugo recibe á atleta Nuria López, do Saviñao
A trinta e tres veces campioa de España en cadeira de rodas, Nuria López, vén de ser recibida esta semana no Pazo de San Marcos polo presidente da Deputación de Lugo, Tomé Roca.
Tomé recoñeceu a traxectoria profesional desta deportista que atesoura medallas de ouro nas distancias de 200, 400 e 100 metros, batendo ademais o récord de España ata 8 veces nas diferentes modalidades.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou que “o deporte é unha ferramenta moi poderosa para a integración e a inclusión das persoas con mobilidade reducida” e puxo en valor o exemplo da deportista do Saviñao, “que co seu esforzo e dedicación converteuse nunha gran campioa”. O mandatario provincial fíxolle entrega á campioa dunha figura gravada coa fachada do Pazo provincial para agradecerlle o seu labor de levar o nome da provincia por todo o territorio nacional.
Nuria López Fernández empezou a practicar atletismo no 2015, case por casualidade, e o seu afán de superación levouna a competir ao máis alto nivel. Agora ten a aspiración de participar nun Mundial.