O prazo para solicitar as axudas aos estudantes do Concello de Quiroga estará aberto ata o 9 de decembro
O Concello de Quiroga ten aberto o prazo para solicitar as axudas anuais que se conceden aos estudantes menores de 25 anos e dependentes economicamente que cursan ensinanzas superiores (universitarias, formación profesional, masters ou educación especial) fora do termo municipal de Quiroga.
Son gastos subvencionables a matrícula educativa, a compra de libros de texto, o alugueiro de vivendas ou os gastos de transporte, sempre que figuren a nome do estudante que solicita a achega económica.
Os interesados en solicitar esta axuda terán que presentar a documentación telematicamente a través do impreso que poden descargar na sede electrónica do Concello de Quiroga. A solicitude deberá ir acompañada dunha fotocopia do DNI e do certificado de matrícula expedido polo centro educativo ou resgardo de ter pagada a matrícula.
As contías que poderán percibir os solicitantes que cumpran os requisitos irán en función do número de solicitudes, entre os que se repartirán os 8.000 euros, mil máis que o pasado ano, consignados para este fin. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes comunicarase aos interesados a concesión da axuda que terán que xustificar mediante a presentación de facturas ou recibos que inclúan o gasto para o que se solicita a subvención. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 9 de decembro.