O prazo para participar no I Concurso de Decoración e Iluminación de Nadal de Folgoso do Courel está aberto ata o 22 de decembro

O Concello de Folgoso do Courel amplía o prazo de inscrición para o I Concurso de Decoración e Iluminación de Nadal ata o 22 de decembro. Esta iniciativa, que se celebra por primeira vez, ten como obxectivo fomentar a participación de veciños, comercios e núcleos de poboación no embelecemento do municipio durante o Nadal.
Os interesados poden inscribirse presentando unha solicitude na que indiquen se participan na categoría de casa, establecemento comercial ou núcleo de poboación. En cada unha destas categorías outorgaranse premios económicos: para as casas, o primeiro premio é de 100 euros e o segundo de 50. Nos establecementos comerciais, os premios son iguais, con 100 euros para o primeiro e 50 para o segundo, mentres que na categoría de núcleos de poboación, o primeiro premio ascende a 200 euros e o segundo a 150 euros.