O prazo para participar na II Festa Interxeracional de Chantada estará aberto ata o 24 de xuño

O Concello de Chantada, a través da concellaría de Servizos Sociais, prepara a II Festa Interxeracional, unha cita de confraternidade que pretende ser encontro familiar. A Festa celebrarase o domingo, 29 de xuño, e como o ano pasado, terá lugar no Pavillón do colexio Eloísa Rivadulla, localización que reúne as mellores condicións en canto a capacidade, facilidade de acceso, comodidade, seguridade e polas facilidades para ter unha temperatura axeitada durante a celebración, segundo afirman dende a organización.
Para participar da Festa é necesario adquirir as entradas na recepción de servizos sociais no Edificio Multiusos, en tesourería na Casa Consistorial, no local do “Enjambre” ou na cafetaría Manix. O prezo da entrada é de 15 euros, para nenos e nenas de 6 a 12 anos serán 8 euros e os menores de 6 anos terán entrada gratuíta. O aforo do pavillón ronda as 700 persoas, e as entradas poden mercarse ata o vindeiro 24 de xuño.
O programa comezará cunha Misa solemne e unha sesión vermú con cóctel de benvida. Ás 14.30 horas haberá un Xantar popular e a festa rematará cunha sesión de baile e un sorteo de viaxes e agasallos.
Manuel Lorenzo Varela anima a participar da cita, “Celebramos principalmente un día de festa e de homenaxe aos nosos maiores, queremos velos acompañados de fillos/as, netos/as e de toda a familia. Un día familiar para compartir con persoas de todas as idades e de todo o municipio de Chantada”.