O prazo de inscrición para as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación de Lugo abrirá este mércores

A Deputación de Lugo abrirá este mércores, 4 de febreiro, o prazo para realizar as reservas das rutas turísticas en catamarán pola Ribeira Sacra, unha iniciativa que comezará o 19 de marzo e se estenderá ata a ponte de decembro.
A tempada manterá os dous percorridos habituais: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de dúas horas.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil haberá dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil, mentres que a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín.
En canto aos horarios, os viaxes pola ruta do Canón do Sil comezarán o 19 de marzo, con saídas tamén os días de fin de semana do 21 e 22 e do 28 e 29, en horario de mañá e tarde, ás 11:30 e ás 16:00 horas. Durante a Semana Santa, o servizo será ininterrompido do luns 30 de marzo ao domingo 5 de abril. Durante esas datas, o catamarán Mencía operará con saídas entre as 11:30 e as 16:30 horas, mentres que o Canón do Sil realizará percorridos entre as 11:00 e as 16:00 horas. Durante o resto do mes de abril, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta do Canón do Sil.
No mes de maio, a ruta do Canón do Sil estará dispoñible de mércores a venres, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e os fins de semana ampliarase o horario, con percorridos desde as 11:30 ata as 17:00 horas no Mencía e desde as 11:00 ata as 16:30 horas no Canón do Sil. Por outra banda, no ponte do 1 de maio, as saídas realizaranse ás 11:30 e ás 17:00 horas no Mencía e ás 11:00 e ás 16:30 horas no Canón do Sil.
Durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro haberá servizo diario de luns a domingo, tanto en horario de mañá como de tarde, con diferentes franxas horarias en ambas embarcacións. A partir do 1 de outubro, as rutas pasarán a funcionar de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e os fins de semana engadirán tamén percorridos ás 11:00 e ás 16:00 horas no Canón do Sil.
Na ponte de outubro, o día 12 navegarán ambas embarcacións, mentres que o día 13 operará unicamente o Mencía no seu horario habitual. En novembro, o servizo limitarase aos fins de semana, con saídas do Mencía, e en decembro funcionará do día 1 ao 8, data na que finalizará a tempada.
En canto á Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, en xuño habilitaranse viaxes os fins de semana con tres frecuencias horarias: ás 11:30, ás 16:30 e ás 19:00 horas. Durante os meses de xullo, agosto e ata a primeira quincena de setembro, o servizo funcionará todos os días da semana. Na segunda quincena de setembro haberá dúas frecuencias, ás 11:00 e ás 16:30 horas. En outubro, as saídas estarán dispoñibles os fins de semana e o día 12, con horarios ás 11:30 e ás 16:30 horas. En novembro, as viaxes realizaranse tamén os fins de semana, con saídas ás 11:30 e ás 16:00 horas, mentres que en decembro o servizo estará operativo do 1 ao 8, nas mesmas franxas horarias.
As persoas interesadas en realizar estas viaxes poderán reservar os billetes exclusivamente a través da páxina web reservas.rutasembalses.es. Esta plataforma, dispoñible 24 horas, permite consultar en tempo real horarios, tarifas, dispoñibilidade de prazas e información práctica para planificar a experiencia, así como modificar ou cancelar reservas.
Dende a Deputación sinalan que nas últimas semanas están a recibir un elevado número de consultas sobre as rutas, o que consideran “unha boa mostra do interese que xeran e consolida estas actividades como un dos principais atractivos turísticos da provincia”. Durante o ano 2024, preto de 60.000 persoas desfrutaron destas viaxes, que permiten descubrir desde outra perspectiva as paisaxes e o patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra, actualmente candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO, contribuíndo así á súa promoción internacional e á dinamización económica da comarca.
O sistema de reservas contempla tarifas reducidas para distintos colectivos, como xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas. Os nenos e nenas de ata 3 anos poden realizar a viaxe de balde.