O PPdeG pon en valor as axudas da Xunta á conservación paisaxística da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Destacan que o executivo autonómico destinará máis de 1,5 millóns de euros a estas actuacións no 2026
reunion-pp-axudas-paisaxe-rs-monforte
2 Apr 2026

O PPdeG salienta o compromiso do Goberno galego coa conservación da paisaxe da Ribeira Sacra, facendo fincapé nas axudas destinadas á loita contra a erosión dos viñedos e á preservación dos socalcos tradicionais. Así o puxeron de manifesto os deputados autonómicos Katy Varela, Raquel Arias e Juan Casares durante unha visita á sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos. No encontro subliñaron a relevancia dunha liña de axudas que, segundo indicaron, busca evitar a desaparición dos socalcos de pedra, un sistema de cultivo tradicional que define a identidade desta contorna.

Para o ano 2026, o Executivo autonómico destina máis de 1,5 millóns de euros a estas actuacións. As achegas contemplan un máximo de 2.000 euros por hectárea para os viñedos situados en socalcos e traballados de forma manual, e de 1.000 euros por hectárea para aqueles nos que se emprega mecanización.

No balance do ano anterior, arredor de 794 viticultores resultaron beneficiarios destas axudas, que chegaron a unha superficie próxima ás 810 hectáreas, divididas entre cultivo en socalcos e sistemas mecanizados.

“Esta liña de axudas, xunto con outras como as de promoción da calidade dos viños ou as de reestruturación de viñedos, demostran a sensibilidade da Xunta co sector vitivinícola galego, que achega o 1,4% do PIB da nosa Comunidade”, subliñou Juan Casares, quen destacou tamén o peso económico desta actividade, cun valor engadido bruto duns 890 millóns de euros anuais e un impacto relevante no emprego.

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra conta na actualidade con máis de 1.200 hectáreas de cultivo, das que unha parte significativa se desenvolve en terrazas, mantendo así un modelo tradicional que contribúe á singularidade da paisaxe. Ademais, agrupa preto de 1.900 viticultores e máis de 90 adegas certificadas.

Pola súa banda, Raquel Arias incidiu en que o sector vitivinícola é “un motor económico fundamental para o desenvolvemento do territorio da Ribeira Sacra”, engadindo que se trata dunha actividade que favorece o asentamento de poboación e que “abre expectativas de futuro para as xeracións máis novas”.

Durante a visita, os representantes populares tamén mantiveron un encontro cos responsables do consello regulador para coñecer de primeira man a situación do sector e recoller as súas demandas, destacando o papel destas entidades, que “velan pola calidade do produto e poñen en valor todo o territorio”.

0.11672306060791