O PP volverá levar ao pleno da Deputación unha cuestión sobre a futura residencia de Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
Advirten que o centro xa debería estar construído pero que a veciñanza leva “oito anos agardando”
pp-residencia-folgoso
20 Jan 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular levarán ao vindeiro pleno da Deputación de Lugo unha cuestión sobre o futuro da residencia de Folgoso do Courel. Concretamente, os populares preguntarán “se o PSOE e o BNG van a cumprir o compromiso asinado con todos os veciños de Folgoso do Courel e iniciarán os trámites para construír a residencia de maiores comprometida dende o ano 2018”.

Así o anunciou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, acompañado da alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, nunha visita aos terreos da antiga escola. Os populares lembran que o centro xa debería estar construído pero que a veciñanza leva “oito anos agardando” por unha infraestrutura que consideran “unha necesidade maiúscula para o concello”.

O voceiro provincial popular lembrou como en abril deste ano o seu grupo defendeu unha iniciativa no pleno para instar á institución a iniciar estes traballos que, segundo denuncia, foi rexeitada. Unha decisión coa que, segundo Ameijide, o goberno da Deputación estalle a dar “as costas” á veciñanza de Folgoso. Denuncia ademais que, en 2018, PSOE e BNG intentaron “rachar” o convenio asinado ao presentar unha emenda de substitución á iniciativa do Grupo Provincial Popular para que en lugar de construír a residencia a Deputación (segundo establece o convenio asinado) fora a Xunta de Galicia a que a construíse.

“Mentres PSOE e BNG seguen negándose a cumprir co asinado en 2018, o Concello de Folgoso do Courel cumpriu con todas as obrigas que lles asignaba o convenio, entre as que se atopan a posta a disposición dos terreos, no ano 2019, e, posteriormente, a resolución da licenza de obra, o 13 de xaneiro de 2022, despois de que a Deputación de Lugo corrixise os numerosos erros detectados no proxecto que inicialmente se presentase dende o goberno provincial”, sinala Ameijide.

Por iso, preguntase “por que Folgoso do Courel, tendo cumpridas todas as súas obrigas, ten a residencia paralizada” mentres que noutras localidades (con alcaldía do PSOE), como en Cervantes, iniciaron todos os trámites para a construción da residencia comprometida a pesar de nin contar cos terreos. “Non dicimos que Cervantes non teña a súa residencia, ten que tela xa que tamén está comprometida, o que non entendemos é que non se axilice aquela infraestrutura que ten toda a tramitación moito máis avanzada”, aclaran os populares.

Pola súa banda, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, sinala que no pleno municipal de febreiro deste ano a corporación acordou, a iniciativa do PP, reclamar á Deputación que iniciase os trámites necesarios para a construción desta infraestrutura. Porén, advirte, “vemos como PSOE e BNG dende a Deputación seguen a negar a todos os veciños o que está asinado e que é de xustiza que teñan os nosos maiores”.

⚙ Configurar cookies
0.083539009094238