O PP pide a Adif unha data para recuperar a circulación ferroviaria na liña entre Ourense e Monforte

RibeiraSacraXa | OurenseXa
"Unha situación que é a constatación de que Lugo será a única provincia de Galicia e do seu entorno que quedará fóra da Alta Velocidade", sosteñen
deputados-populares-congreso-lugo
28 Ago 2024

Os deputados populares no Congreso, Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades, e os seus compañeiros por Ourense, Celso Delgado, Ana Belén Vázquez e Rosa Quintana, veñen de reivindicar a Adif, mediante unha batería de doce preguntas escritas, unha data concreta para retomar a circulación dos servizos ferroviarios na liña entre Ourense e Monforte tralos reiterados incumprimentos de todas as datas facilitadas ata o momento pola propia Administración.

"Unha situación que mantén incomunicada por ferrocarril á provincia de Lugo, e obriga a que os viaxeiros se teñan que desprazar en autobús, pero, que ademais, é a constatación de que Lugo será a única provincia de Galicia e do seu entorno que quedará fóra da Alta Velocidade", sosteñen.

Nas iniciativas presentadas no Congreso, os deputados constatan que as circulacións suspendéronse en outono de 2022 e, dende entón, incumpríronse os prazos dados para retomar a actividade ferroviaria. O primeiro foi o último trimestre de 2023; o segundo en abril de 2024 e, agora, todo apunta a que non se cumprirá o prazo actual, o vindeiro 30 de setembro. As actuacións que se están desenvolvendo contemplan a renovación da vía, así como toda unha serie de actuacións en estacións, pasos a nivel, sinalización e electrificación da vía, entre outros. Con todo, despois de 7 anos desde o inicio do proxecto no ano 2017, a vía segue sen estar en servizo e sen acometerse as obras necesarias na mesma.

"A realidade é que con estes traballos o Goberno de Pedro Sánchez abandona a construción das variantes de Rubián e Os Peares-Canabal, o que certifica que o Goberno do PSOE renuncia á chegada do AVE á provincia, xa que son indispensables para que os trens poidan circular a más de 250 km/h".

As actuacións que está a acometer ADIF non modificarán o trazado actual da vía e, en consecuencia, non se poderán reducir os tempos para alcanzar a velocidade do AVE. O tempo de percorrido previsto para o traxecto Lugo-Ourense seguirá roldando a hora e trinta minutos.

Unha vez que ADIF poña en servizo os investimentos actuais haberá unha mellora na seguridade e as capacidades da vía, pero para a posta en servizo do AVE requirirase actuar sobre o trazado e, de forma particular, retomar a tramitación das variantes de Rubián e a de Os Peares-Canabal, actualmente paralizadas polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Estas variantes, previstas e comprometidas no plan de modernización e mellora da liña ferroviaria Ourense-Lugo polo Goberno do Partido Popular con Mariano Rajoy á fronte, "son imprescindibles para que chegue a Lugo a Alta Velocidade”, din; porque o actual trazado non permite que ningún tren poida alcanzar a alta velocidade na provincia.

0.15777802467346