O PP urxe ao Goberno a iniciar o desdobramento de carrís entre Os Peares e Ourense

Os senadores do Partido Popular por Lugo critican a “falta de compromisos do Goberno” coa mellora da N-120, especialmente nos tramos lucenses, unha vía de conexión clave entre Ourense e o sur de Lugo.
Os populares consideran “insuficientes” as respostas do Goberno ás preguntas formuladas polo seu grupo sobre a situación desta estrada e sosteñen que o Executivo estatal non concreta melloras para os tramos lucenses nin asume o arranxo integral da infraestrutura.
Segundo trasladan os senadores populares José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, o Goberno confirma que o proxecto de desdobramento de carrís entre Os Peares e Ourense, anunciado en 2023, continúa en fase de redacción. A xuízo do PP, esta actuación “acumula unha parálise de case 3 anos” e, ademais, non inclúe intervencións no tramo correspondente á provincia de Lugo.
Desde o PP sinalan tamén que a resposta do Executivo non fixa prazos concretos para as actuacións de mantemento nin aborda a rehabilitación integral da vía, malia as demandas formuladas por distintas administracións locais. Neste sentido, lembran que o Pleno do Concello de Monforte de Lemos aprobou por unanimidade instar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a mellorar o firme da N-120 desde o enlace coa A-6 ata Ourense.
Os populares aseguran que o Goberno se limita a anunciar traballos de rebacheo “en canto o tempo o permita”, pero sen compromisos temporais nin solucións de fondo para unha estrada que, segundo denuncian, presenta un notable deterioro en varios tramos, con buratos, gretas e deformacións que afectan á seguridade viaria. “A realidade é que, ata a data, ningunha intervención foi quen de arranxar o firme dunha infraestrutura moi utilizada”, sosteñen desde o PP.
Ante esta situación, o Partido Popular reclama a “rehabilitación integral do pavimento, a mellora da sinalización viaria e do trazado da N-120” nos tramos lucenses. Así mesmo, lembran que presentaron recentemente unha iniciativa no Senado na que esixen ao Goberno que “cumpra o compromiso de desenvolver o terceiro carril entre Guítara (Pantón) e Ourense” e que se estude o desdobramento da vía alí onde sexa tecnicamente viable.
Os senadores populares afirman que seguirán “a facer presión desde o Senado” para que “o Goberno de Sánchez tome en serio a situación da N-120”, unha estrada que consideran esencial para a mobilidade e o desenvolvemento do sur da provincia de Lugo.