O PP rexeita en Chantada converter nunha vía 2+1 a A-56
Elena Candia amosou en Chantada o rexeitamento do PP da provincia de Lugo a converter nunha vía 2+1 a A-56 entre Lugo e Ourense: “non sei se é un globo sonda para despistar; pero Lugo non pode renunciar a esa infraestrutura imprescindible para o sur da provincia”. Polo tanto, reivindicou que “se faga canto antes a autovía tal e como estaba proxectada: unha vía de nova construción que parte da autovía Lugo-Santiago, en Guntín, ata chegar á A-52 en Ourense. Non imos renunciar a comunicar as dúas capitais de provincia do interior de Galicia por autovía”.
Acompañada polo senador e alcalde do municipio, Manuel Varela, e o deputado nacional Jaime De Olano, a presidenta dos populares lucenses advertiu que “para nós, a alternativa 2+1 sería moi negativa” e, polo tanto, pediu que “tanto o Goberno de España coma os socialistas de Galicia e da provincia de Lugo manifesten de maneira contundente o seu rexeitamento e amosen o seu compromiso claro e explícito coa autovía”.
Candia sinalou que “as infraestruturas son clave para a vertebración do territorio e o desenvolvemento socioeconómico da nosa provincia, un discurso no que tamén coinciden o resto das forzas políticas”. A este respecto, criticou o estado da estrada nacional N-540: “o seu abandono e falta de mantemento derivan na presenza de numerosas fochancas que afectan á seguridade deixando patente o nulo compromiso do Goberno socialista coa nosa provincia”.
Abandono do Goberno á A-56: sen dotación para Lugo nos PGE 2021
“Xa o dixemos no seu momento coa aprobación dos orzamentos do Estado”, expuxo a popular. De feito, “os presupostos do Goberno PSOE-Podemos para este ano 2021 non contemplaron investimentos para avanzar nas infraestruturas estratéxicas da nosa provincia”. Ante o desprezo do Goberno de Pedro Sánchez á autovía entre Lugo e Ourense, os deputados do PP das dúas provincias presentaron emendas no trámite parlamentario da Ley de PGE 2021 reclamando ao Executivo dedicar a esta autovía as cantidades consignadas nos PGE do 2018, pero foron rexeitadas polos grupos do Goberno.
Os orzamentos do Estado para este ano só recollen, polo tanto, unha ínfima dotación para os tramos da autovía correspondentes á provincia de Ourense e ningún tipo de previsión para os da provincia de Lugo. “Desapareceu das prioridades do Goberno o intercambiador das autovías A-54 e a A-56 en Guntín” que nos PGE do 2018 dispoñía de 2,5 millóns de euros de dotación orzamentaria.
“Actualmente só está en marcha, dende setembro do 2020, o tramo entre San Martiño e A Barrela, un proxecto que recuperou sendo ministra a popular Ana Pastor despois de varios anos sen concrecións por parte do Goberno socialista”, explicou Candia.
Os deputados populares téñense dirixido ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para coñecer en que situación administrativa e que previsións ten para avanzar nos tramos A Barrela-Chantada, Chantada-Taboada, Taboada-Narón e Narón-Guntín no que se engloba o intercambiador. A resposta do Ministerio en febreiro deste ano foi “totalmente elusiva”.