O PP puxo en valor o bono deporte da Xunta en Monforte
Os candidatos do PP lucense ás autonómicas comprobaron de preto a repercusión o bono deporte impulsado polo Goberno galego nos establecementos adheridos nas cidades de Lugo e Monforte.
O bono deporte impulsado polo Goberno galego pretende fomentar o deporte base e os seus valores entre os nenos e nenas en idade escolar e contribuír a unha vida saudable. “Pero, ademais de axudar ás familias nos gastos derivados da práctica deportiva, este bono contribúe a incentivar o consumo no comercio local e, polo tanto, a dinamizar a economía local”.
O Goberno galego dirixe 16,2 millóns de euros a estas axudas a través de bonos por valor de ata 120 euros que os pais, nais ou titores dun menor de idade entre os 6 e os 16 anos con licenza deportiva federada emitida no 2023 ou con identificador XOGADE poden solicitar ata o 29 de febreiro.
Unha vez descargado, poderase utilizar ata o 30 de xuño ou ata o esgotamento do crédito para a compra de material ou equipamento deportivo ou servizos relacionados coa práctica deportiva (cotas de clubs...).
Son un total de 98 os establecementos ou entidades deportivas da provincia adheridas ao programa. Deses, 36 atópanse na cidade de Lugo e 12 en Monforte de Lemos. Na cidade do Cabe, durante os 15 primeiros días mobilizáronse máis de 40.000 euros.