O PP provincial pide ao Goberno da Deputación que se constrúa xa a residencia de maiores de Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
Tamén defenderán os populares unha iniciativa para crear dende a Deputación de Lugo un Plan de Impulso para a Ribeira Sacra
reunion-pp-directiva-provincial
28 Maio 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno que a Deputación de Lugo "cumpra cos seus compromisos e obrigas e active os mecanismos necesarios para dar asistencia aos maiores da provincia e para xerar economía e emprego e así favorecer o asentamento de poboación".

Neste senso, os populares esixirán o impulso dos trámites e xestións pendentes para iniciar de forma inmediata a construción do centro de atención a maiores de Folgoso do Courel.

“É de xustiza que os veciños de Folgoso do Courel dispoñan deste servizo comprometido en 2015 polo Goberno do Partido Popular, pero que, 9 anos despois, está paralizado; a pesar de que o Concello cumpriu coas obrigas adquiridas no convenio asinado coa Deputación de Lugo en agosto do 2018”, sinalaron.

“O último que puidemos saber sobre os avances para facer realidade a construción e posta en servizo deste centro foi en decembro do 2022 cando o Goberno provincial trasladou nunha reunión coa alcaldesa a necesidade de revisar os prezos recollidos no proxecto para evitar que quedase deserta a licitación, como ocorreu noutros casos. Pero dende aquela tiveron tempo suficiente para revisar eses prezos”, explicaron, pero “non houbo novos avances e a data límite para a licitación, remate e recibimento das obras é o 26 de xullo de 2025”, segundo se recolle na segunda addenda ao convenio, polo que “urxe avanzar no procedemento para dar cumprimento a un compromiso adquirido formalmente entre dúas administracións”.

Tamén defenderán os populares unha iniciativa para crear dende a Deputación de Lugo un Plan de Impulso para a Ribeira Sacra. “No Partido Popular sabemos do potencial e das posibilidades desta zona da provincia e vemos necesario potenciaros seus recursos para dar solución aos retos actuais do sector turístico e vitivinícola en colaboración con outras administracións”.

“A Deputación ten un papel fundamental para poder afrontar estes retos, apoiando aos municipios da Ribeira Sacra, escoitando e dando solucións aos produtores e buscando apoios de todas as administracións afectadas como a Xunta de Galicia, o Goberno Central ou a Confederación Hidrográfica”, ao que engaden que “a Deputación non pode quedar atrás de novo sendo a única administración que non fai nada ao respecto dun proxecto vital como este para a provincia”.

0.18921613693237