O PP pon en valor o investimento da Xunta na mellora de centros educativos da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Grueira subliña o compromiso do Goberno galego coa educación e coa mocidade a través de obras en máis de medio cento de colexios e institutos
Grueira-e-Fernández-diante-o-CEIP-Poeta-Avelino-Díaz
12 Aug 2025

O Partido Popular de Lugo resaltou o investimento realizado pola Xunta de Galicia, que supera os 7,8 millóns de euros, destinado á modernización e reforma de 60 centros educativos repartidos por toda a provincia.

A deputada lucense no Parlamento galego e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, incidiu en que esta achega evidencia “o firme compromiso do Goberno galego coa educación e coa mocidade”.

A través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o Executivo autonómico leva a cabo actuacións significativas, entre as que destaca a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, cun orzamento próximo aos 900.000 euros. Ademais, están en marcha intervencións de gran envergadura noutros doce centros, cun custo conxunto superior aos 7,1 millóns, tres deles na comarca da Terra Chá: o CEIP Terra Chá de Vilalba, o CEIP Veleiro Docampo e o IES José Trapero Pardo de Castro de Rei.

En paralelo, no marco do plan Ben_Estar na Escola 2025, execútanse outras 47 obras durante o verán cun investimento global de máis de 700.000 euros. Estes traballos benefician a nove centros das comarcas da Terra Chá e Meira: o CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, o CEIP Plurilingüe Lagostelle, o CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, o CEIP O Salvador da Pastoriza, o CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Pol, o CEIP Manuel Mato Vizoso, o CEIP Monseivane e a Escola de Educación Infantil de Vilalba, así como o CEIP Plurilingüe de Xermade.

Grueira salientou que “estas melloras permitirán que o alumnado dispoña no curso 2025/2026 de instalacións renovadas e adaptadas ás súas necesidades”. Ademais, fixo fincapé en que “Galicia é pioneira en ofrecer educación gratuíta dende o berce ata a universidade, garantindo a igualdade de oportunidades para toda a xuventude”.

⚙ Configurar cookies
0.16120100021362