O PP pídelle á Deputación de Lugo que mellore a xestión do ciclo da auga
Os populares esixen a PSOE e BNG que cumpran coas súas obrigas á fronte da Deputación e poñan a disposición de todos os municipios os medios necesarios para mellorar a xestión do ciclo da auga, "xa que o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar os concellos no día a día”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que o PERTE da auga son uns fondos europeos que o Ministerio pon a disposición dos entes locais para mellorar o abastecemento de auga potable e o saneamento nos seus municipios. "Dende a Deputación de Lugo negáronse a liderar proxectos para os concellos da provincia como tampouco apoiaron a ningún dos 11 municipios lucenses que optaron a estas axudas".
Un dos 11 municipios que se presentou ao segundo PERTE da auga foi Monforte, onde é alcalde o presidente da Deputación pero quedou fóra destas axudas. Ameijide analizou a situación do ciclo da auga de Monforte xunto aos concelleiros do PP nese municipio, Katy Varela e José Luis Rodríguez.
Os tres coinciden na necesidade de “dar un cambio á xestión do ciclo da auga en Monforte, xa que practicamente cada semana se producen rebentóns na rede que deixan sen servizo durante días aos veciños das rúas afectadas”.
Os populares ven positiva a posible creación dun Plan Provincial de apoio aos concellos para a xestión do ciclo da auga xa que o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar todos os municipios, sendo competencia da Deputación cooperar cos concellos para garantir os servizos de competencia exclusiva municipal.
“Cooperar cos Concellos é beneficiar a tódolos lucenses garantindo o abastecemento de auga de calidade e o correcto tratamento de augas residuais”, explicaron.
A escaseza de auga, a renovación e modernización das infraestruturas hidráulicas ou as esixencias normativas en materia de control de calidade e en relación á xestión das augas residuais son algúns dos aspectos que deben atender dende os Concellos e que requiren importantes recursos técnicos e económicos.
De feito, segundo o artigo 36.1 da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local é competencia da Deputación coordinar servizos municipais para garantir a prestación integral e no territorio provincial os servizos de competencia municipal e a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión.