O PP pide os carrís de adiantamento da N-120 e a activación da A-76

RibeiraSacraXa
O Partido Popular pide que se realicen as obras dos carrís de adiantamento da N-120 para mellorar a comunicación da provincia.
12 Nov 2021

A deputada por Lugo no Parlamento de Galicia, Raquel Arias, pedirá en dita cámara que a Xunta inste ao Goberno de España a levar a cabo as obras nos carrís de adiantamento da N-120 e active a A-76. Deste xeito, a popular pretende que o Executivo estatal corrixa o desentendemento reiterado sobre as infraestruturas que son da súa titularidade e que afectan á Zona Sur da provincia e, por tanto, á vertebración de Lugo con Ourense, coa Meseta e incluso co norte de Portugal.

A distancia entre Monforte de Lemos e Ourense por dita nacional é de 46 quilómetros, pero a duración do traxecto é moi superior en tempo. Isto débese, explica a popular, a que entre Os Peares e a capitalidade hai unha liña continua que pode chegar a retrasar a duración da viaxe entre 20 e 25 minutos, superando así en horas de moito tráfico a hora de duración.

Os populares consideran que habilitar os carrís de adiantamento suporía evitar “a perda de competitividade e mesmo problemas demográficos, xa que a interrelación económica e laboral entre as dúas zonas é moi importante”. E é as queixas neste senso chegan tamén dos condutores de ambulancias, ao ser esta a vía que comunica a comarca de O Barco e a cidade.

O PP destaca que no goberno de Mariano Rajoy ordeárase a redacción dun proxecto de trazado de implantación de carrís nesta nacional para solucionar os problemas que xeran as liñas continuas e que impiden o adiantamento entre o Alto de Guítara e Ourense, pero dende o cambio de goberno, nada se fixo ao respecto. Así se deduce das respostas ás preguntas formuladas polos representantes lucenses no Congreso e no Senado a este respecto, e que constatan que este proxecto leva en redacción dende novembro de 2017, sen que o Executivo de Sánchez avanzase no seu trámite. A esta parálise súmase que a A-76, que podería ser unha alternativa á 120, está deliberadamente parada, tal e como se pode comprobar nos Orzamentos para o vindeiro ano e que foron publicados recentemente.

Para Raquel Arias “isto non ten xustificación”. Por iso, pídelle tamén ao alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación, “e que ademais se declara amigo de Pedro Sánchez, que utilice esas influencias para que se faga dunha vez o carril da N-120 e se retome a A-76”.

“Creo que temos que traballar xuntos. Non pode ser que menos de 40 quilómetros leven unha hora segundo o tráfico que haxa. Isto está a provocar que xente que podía vivir en Monforte elixa Ourense ou que empresas lles saia máis barato asentarse na cidade das Burgas por este motivo”, sentencia.

0.19875907897949