O PP pide o amaño de estradas que dependen da Deputación
O PP denunciou "o pésimo estado no que se atopan moitas das estradas que dependen da Deputación de Lugo. Pero hai zonas da provincia nas que, a estas alturas do ano, o problema adquire unha dimensión moito maior debido a que son puntos de interese turístico, incluso, como é o caso da Ribeira Sacra, pendente dunha esperada declaración de Patrimonio da Humanidade". Por iso, como sinala o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, “estamos iniciando a tempada de turismo e a Deputación de Lugo non pode presumir de promoción do turismo tendo as estradas provinciais como as ten”.
Castiñeira di que os populares fan esta reclamación “dende Sober, porque é un exemplo moi claro; é un concello no que practicamente as estradas provinciais son vertebradoras de todo o seu territorio”. Engade: “Estamos nunha comarca turística, na que para visitar lugares tan bonitos como ofrece, con impresionantes vistas panorámicas, con monumentos, con moito patrimonio histórico hai que circular por estradas que nalgúns casos están totalmente desfeitas; é importante non esquecer que estamos esperando que a Ribeira Sacra sexa declarada dentro de pouco Patrimonio da Humanidade. E para desprazarse hai que usar as estradas provinciais e está claro que o seu estado actual é incompatible coa promoción do turismo”.
Como exemplo do que afirma, Castiñeira cita “a estrada LU-P 5904, que vai de Sober a Vilachá, pasando por Gundivós, que é localidade famosa pola súa cerámica; esta vía está impracticable; a LU-P 5905, de Canaval a Sober, con fochancas grandísimas, igual que a LU-P 5902, de Canaval a Arxemil”.
O portavoz popular sinala: “Este é un problema moi serio para os veciños, que o sofren todos os días, que o sufriron todo o inverno; agora, no verán, igual, co agravante de que o turismo, que é fundamental para o noso rural, e máis na Ribeira Sacra, ten que desprazarse por estas estradas. Nesta comarca hai moitas casas de turismo rural, aloxamentos, adegas, etcétera, cuxos representantes nos din que non podemos presumir de promover o turismo, que non serve de nada traballar para atraer visitantes tendo as estradas provinciais neste estado”.
Castiñeira declara: “Esperemos que este reclamo teña consecuencias positivas e canto antes se arranxan as estradas provinciais neste concello, en Sober, para poder presumir desta fermosa comarca sen que os veciños e os visitantes teñan que circular sobre fochancas”.