O PP pide completar a vía de conexión do Porto Seco de Monforte
Os populares piden ao Ministerio de Infraestruturas que “se non pensa axudar á hora de impulsar o Porto Seco de Monforte, polo menos non estorbe” e deixe que "a Xunta de Galicia poida completar as obras pendentes nos accesos desta área de solo industrial". A voceira do Grupo Municipal Popular, Katy Varela e a deputada autonómica Raquel Arias visitaron na mañá de onte a plataforma loxística convencidos de que, "se logra o impulso necesario, poderá xogar un papel esencial na recuperación económica e empresarial da cidade do Cabe, atraendo novas empresas e máis oportunidades laborais".
Os populares defenderán unha emenda presentada na Comisión de Obras Públicas do Parlamento de Galicia na que se demanda que o Goberno de España desbloquee a construción da vía que permitiría conectar o porto seco coa estrada nacional.
Nese senso, insisten en denunciar que "ata tres informes negativos da administración central obstaculizan a execución deste novo viario, a pesar de que a Xunta ten consignación orzamentaria e vontade para impulsar o proxecto. O debate desta iniciativa na Cámara galega quedou aprazado hai quince días pola suspensión das comisións parlamentarias como sinal de pesar tras o falecemento do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, pero retómase no día de hoxe".
Para os populares resulta esencial que o Goberno central "non entorpeza os esforzos que o Goberno galego está a facer por dotar a Monforte de máis solo industrial e lembran que a Xunta de Galicia leva investidos máis de 20 millóns de euros no Porto Seco de Monforte, na adquisición de terreos e nos traballos técnicos e de urbanización deste espazo. Con todo, esta área industrial conta cun hándicap que impide o seu desenvolvemento como é a necesidade dunha conexión directa coas principais vías de comunicación da zona: a estrada nacional 120 ou a futura autovía, se algunha vez o Goberno de España decide facela realidade. A Xunta sempre quixo poñer fin a esa desvantaxe completando esta infraestrutura, e de feito a propia emenda dos populares sinala que unha vez superado o desbloqueo, o Goberno galego remate esta vía de conexión para a que os orzamentos do ano en curso reservan unha primeira partida económica de 750.000 euros".
En definitiva, os populares queren que non se perda "un minuto máis en completar un porto seco que suporá poñer a disposición de empresas e particulares unha superficie de 307.053 metros cadrados de solo industrial".