O PP pide aumentar a vixilancia sobre a circulación de patinetes eléctricos nas beirarrúas e zonas peonís de Monforte

RibeiraSacraXa
Sinalan que cada vez son máis as queixas dos monfortinos sobre o uso que algúns dos usuarios deste tipo de vehículos lle dan aos mesmos
patinete electrico
5 Mar 2025

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte piden ao Concello que intensifique a vixilancia sobre a circulación de patinetes eléctricos nas rúas do municipio

A voceira popular, Katy Varela, explica que “ante as numerosas queixas da veciñanza realizamos un rogo no último pleno ordinario para instar ao equipo de goberno a realizar algún tipo de campaña ou aumentar a vixilancia sobre este tipo de vehículos de mobilidade persoal, e o silencio de José Tomé ao respecto foi algo que nos chamou poderosamente a atención”.

A popular explica que “normalmente o alcalde ten algún tipo de resposta ás preguntas e rogos que lle formulamos no pleno”, pero “nesta ocasión sorprendeunos o seu silencio”.

A realidade, din, é que cada vez son máis as queixas dos monfortinos sobre o uso que algúns dos usuarios deste tipo de vehículos lle dan aos mesmos, xa que cómpre recordar que está prohibida a súa circulación por beirarrúas e zonas peonís. “A realidade é que cada vez son máis as incidencias en zonas peonís e a xente maior ten medo de recibir algún golpe deste tipo de vehículos, motivo polo que instamos ao alcalde a aumentar a vixilancia”, sinalou.

“Un silencio que non entendemos no Partido Popular xa que contrasta co aumento de vixilancia que realizou na circulación e estacionamento de coches en zonas peonís, a pesar de que se deteñan unicamente para realizar labores de carga e descarga, algo que pediron comerciantes e empresarios de Monforte e que Tomé se negou a escoitar”, sinalan.

⚙ Configurar cookies
0.18083214759827