O PP pide ao Goberno explicacións polo retraso das obras da estación de Monforte

O Partido Popular vén de reclamar ao Executivo de Sánchez que aclare os motivos do atraso nas obras de mellora da estación de ferrocarril de Monforte, atribuídas, segundo os populares, á “mala planificación e falta de seguimento das actuacións por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e do propio Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible”.
As obras da primeira fase, que incluían plataformas, pasos inferiores e outros elementos, deberían estar rematadas en setembro de 2022, explican os populares, mentres que as correspondentes á segunda licitación –cuberta, fachada do vestíbulo e marquesiñas dos plataformas – tiñan como prazo febreiro de 2025. Con todo, ambas continúan sen finalizar.
Os deputados por Lugo Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades rexistraron preguntas no Congreso para coñecer os motivos destes retrasos e se o Goberno ten previsto esixir responsabilidades ás adxudicatarias polos incumprimentos. Os populares lembran que “nin o Goberno nin o PSOE deron ningunha explicacións sobre outra obra de ADIF no tramo Monforte – Lugo que está baixo investigación polo caso de corrupción no PSOE da man de Koldo, Cerdán e Pardo de Vera”.
O deputado monfortino Francisco Conde asegura que “os atrasos son inasumibles” e, durante unha visita coas deputadas autonómicas Katy Varela, portavoz do PP de Monforte, e Raquel Arias, advertiron dos continuos cambios na organización do tráfico na praza da Estación, que “están xerando preocupación aos usuarios e veciños da zona no ámbito da seguridade e a accesibilidade” e tamén “prexuízos” á actividade dos negocios do entorno.
A portavoz municipal, Katy Varela, engade que “as obras se están alongando demasiado, causando molestias aos veciños e prexuízos para Monforte”; pero “mentres os monfortinos se amosan preocupados polo remate das obras da estación, o alcalde mira para outro lado”.
O atraso das obras, din, coincide coa perda de frecuencias ferroviarias en Monforte. Sinalan que ante a proposta do Grupo Popular no último Pleno do Concello para reclamar máis horarios con Ourense, Madrid e Barcelona e recuperar as frecuencias suprimidas pola covid, “o alcalde e o goberno socialista votaron en contra”.
Conde subliña que é necesario garantir a seguridade viaria na praza e minimizar os efectos que o retraso das obras ten sobre a hostalaría local, e alerta sobre a calidade dos traballos, que están xerando “preocupación” debido aos defectos visibles e “moitas dúbidas sobre o cumprimento dos pregos por parte da adxudicataria”. Os populares demandan ao Goberno explicacións sobre como se adaptarán as obras aos requisitos da licitación.
En paralelo, din, ADIF instalou, no marco do Plan Moves, tres puntos de recarga para vehículos eléctricos na praza da Estación, que actualmente non están operativos. Neste senso, os populares esixen ao Executivo unha data para a súa posta en funcionamento e preguntan se, aínda sen operar, cumpren todos os requirimentos establecidos na convocatoria de axudas.