O PP pide ao Concello de Monforte que valore a posibilidade de aumentar a frecuencia da recollida do lixo

RibeiraSacraXa
Os populares consideran necesario realizar algunhas modificacións no servizo e replantexar o sistema do cubeo
servizo-limpeza-lixo-contedores-monforte
18 Nov 2025

O PP de Monforte defenderá no vindeiro pleno unha moción para solicitar ao Concello que inicie os traballos de estudo e colaboración coa empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, co fin de valorar a posibilidade de aumentar a frecuencia deste servizo.

Os populares propoñen, por exemplo, manter o sistema do cubeo na zona comercial e de hostalería do centro, e avaliar as modificacións necesarias na zonificación da limpeza viaria.

Dende o Grupo Municipal Popular consideran imprescindible realizar algúns cambios no servizo, xa que, din, hai veciños de moitas zonas da cidade que sinalan que “sería necesario aumentar a frecuencia da limpeza”. A voceira popular, Katy Varela, sinala que o mapa de zonificación dos traballos data de 2010, polo que considera que “dende esa data o municipio mudou moito, polo que é preciso actualizar o sistema”.

“Entendemos que a situación da cidade cambiou ao longo destes quince anos; hai zonas nas que aumentou o tránsito ou a densidade de poboación e noutras ocorreu o contrario, polo que o equipo de goberno debe estudar, xunto cos responsables da empresa, a posibilidade de facer algunha modificación nesta zonificación”, di Varela, que tamén insiste na necesidade de replantexar o sistema do cubeo, xa que nestes puntos da cidade onde se emprega este sistema “os veciños quéixanse do escaso marxe que dan para poder depositar o lixo”.

Neste senso, Katy Varela explica que “sen pretender un cambio nas condicións económicas nin relativas ao persoal, consideramos necesario realizar o estudo en colaboración coa empresa para valorar prescindir do sistema do cubeo, recuperar os contedores tradicionais e facer as modificacións necesarias na limpeza viaria para adecuarse á nova realidade social que poida ter a cidade dende o ano 2010”.

⚙ Configurar cookies
0.070343971252441