O PP pide ao Concello de Monforte que solucione o conflito cos docentes do conservatorio
O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que solicita ao Concello de Monforte que inicie un proceso de diálogo dirixido a reconducir a situación do conflito laboral que mantén co equipo de profesionais do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez e, á maior brevidade posible, garantir o bo funcionamento interno deste centro. Así mesmo, no caso de que este proceso non remate con acordo, solicita que se valore a posible intermediación para acadar unha solución a este conflito laboral.
Deputados do Grupo Popular, acompañados pola portavoz municipal do PPdeG en Monforte, Katy Varela, mantiveron un encontro con representantes do equipo de profesores do Conservatorio de Música de Monforte no Parlamento galego, no que avaliaron a problemática laboral que derivou na apertura de expedientes sancionadores a sete persoas traballadoras deste centro e se analizaron as posibles vías de solución a esta situación para evitar os prexuízos que está a ter no eido educativo e cultural desta vila.
A deputada popular Raquel Arias amosou o apoio ás demandas dos traballadores e o rexeitamento ao comportamento do Goberno municipal que, coas súas actuacións, non contribúe a facilitar a resolución do conflito e a superar a actual situación de enfrontamento.
Deste xeito, Raquel Arias demanda ao Concello de Monforte que “poña en marcha posibles vías de solución que contribúan á mellora da situación e do funcionamento deste centro de formación musical, que ben poderían empezar pola suspensión dos expedientes sancionadores e a creación dunha mesa de diálogo, na que estean presentes tanto representantes municipais como os traballadores afectados, para elaborar un regulamento común que se axuste ao que reclaman os docentes”.