O PP pide a renovación integral da LU-P-5001 en Quiroga

O PP denuncia o “deficiente” arranxo realizado na estrada LU-P-5001, en Quiroga, e esixe unha renovación integral para “garantir a seguridade”.
Segundo o PP, esta estrada provincial, que conecta Ponte Barreiro e Villarbacú, sufriu recentemente traballos de arranxo desde Villarbacú ata o tanque de Bustelo, pero no cruce das Eiras, cara Fisteus, atópase en mal estado. O punto con maiores deficiencias, sinalan, está na zona da Goia, onde a estrada baixou lixeiramente e para intentar solucionalo, aseguran, cubrírona con terra.
O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, denuncia que “ninguén pode entender que José Tomé, o PSOE e o BNG teñan nesta situación esta estrada provincial”, xa que, di, “o máis normal é que cando se realizan uns arranxos se fagan ben, porque facelos de calquera maneira, ademais de poñer en risco a seguridade, o que fai é enfadar máis aos veciños”.
O PP engade que esta situación se suma ao mal estado da estrada provincial LU-P-5002, que dá acceso ao Miradoiro da Conchada. Segundo as súas denuncias, tras percorrer esta vía constatáronse foxos de grandes dimensións, sinalización en mal estado e curvas sen barreiras de seguridade con caídas de varios metros.
Desde o Grupo Provincial Popular sinalan que, na revisión realizada, comprobaron “que hai anos que non se realiza nin o máis mínimo traballo de conservación, porque foxos deste tamaño non aparecen nunha semana nin nun mes, son anos e anos de abandono”.
O PP insiste na “nula atención” que, segundo din, dan o PSOE e o BNG ao mantemento das estradas provinciais, e sinalan que esta situación afecta a 66 dos 67 concellos da provincia, incluíndo Quiroga, que “sufren todos os lucenses”.