O PP pide á Deputación que inicie os trámites para construír a residencia de maiores de Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
Lembran que a veciñanza leva 8 anos esperando por esta infraestrutura
pp-lugo-residencia-folgoso
14 Apr 2025

O Grupo Provincial Popular defenderá no pleno deste mes unha iniciativa para pedir á Deputación de Lugo que inicie de inmediato os trámites para a construción da residencia de maiores de Folgoso do Courel, comprometida dende o ano 2018.

A iniciativa presentouna en rolda de prensa o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, acompañado da alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, e dos deputados provinciais Héctor Corujo e Jesús Núñez.

Antonio Ameijide explicou que “PSOE e BNG teñen que cumprir con todos os veciños de Folgoso do Courel” que levan oito anos agardando a contar con este centro de atención a maiores “unha necesidade moi importante no municipio”.

Neste senso, o voceiro popular pregunta a José Tomé “por que esta residencia está completamente paralizada”, a pesar de que dende o Concello de Folgoso do Courel cumpriron con todas as obrigas que lles asignaba o convenio asinado, entre as que se atopan a posta a disposición dos terreos, no ano 2019, e, posteriormente, a resolución da licenza de obra, o 13 de xaneiro de 2022, despois de que a Deputación de Lugo corrixise os numerosos erros detectados no proxecto que inicialmente se presentase dende o goberno provincial.

Antonio Ameijide pregunta a José Tomé, a PSOE e BNG “por que Folgoso do Courel, tendo cumpridas todas as súas obrigas ten a residencia paralizada” e, en cambio, “no Concello de Cervantes están a iniciar todos os trámites para a construción da residencia comprometida a pesar de nin contar cos terreos”.

Ante esta situación, Ameijide deixa claro que “non dicimos que Cervantes non teña a súa residencia, ten que tela xa que tamén está comprometida, o que non entendemos é que non se axilice aquela infraestrutura que ten toda a tramitación moito máis avanzada”. “Agardamos que as cores políticas que gobernan cada concello non teñan nada que ver na decisión de PSOE e BNG xa que estarían a demostrar que son sectarios e que para eles hai lucenses de primeira e de segunda”, denunciou.

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, explica que “a moción que defenderá o Grupo Provincial Popular é o reflexo do sentir de toda a veciñanza de Folgoso do Courel” e recordou que “no pleno de febreiro a corporación acordou, a iniciativa do PP, reclamar á Deputación que inicie os trámites necesarios para a construción desta infraestrutura”.

Lola Castro sinala que “os veciños de Folgoso do Courel non merecen estar sometidos a este desprezo continuo, dando largas a un proxecto tan necesario nun municipio destas características, cunha poboación con idades moi avanzadas e con gran dispersión xeográfica, sendo o máis afastado na provincia de todos os servizos”

Para a alcaldesa de Folgoso do Courel “non caben máis escusas e o goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo ten que cumprir o acordado con todos os veciños de Folgoso do Courel, algo para o que lle esiximos que presente o proxecto á maior brevidade para continuar co proceso e licitar canto antes as devanditas obras”.

Unha década agardando pola residencia

No ano 2015, lembran os populares, comezaron as conversas para a creación do convenio inter administrativo entre o Concello de Folgoso do Courel e a Deputación de Lugo, un acordo que se asinou en 2018 e que tivo que prorrogarse en dúas ocasións.

Segundo este convenio, o investimento necesario estimouse en 1.400.000 euros, dos cales a Deputación aportará 1.200.000 euros e se encargará, entre outros cometidos, de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos precisos, correspondendo ao Concello de Folgoso do Courel achegar 200.000 euros e, entre outros, aportar os terreos necesarios para a construción da residencia e o centro de día.

O 11 de decembro de 2019 se solicitou a prórroga do convenio xa que remataba a finais dese ano e se asinou a prórroga da addenda ao convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel para a execución dos fins comúns consistentes na construción de residencia e centro de día da terceira idade, aprobada anteriormente na xunta de goberno do 23 de xaneiro do 2018 e rectificada na xunta de goberno provincial do 23 de xaneiro do 2020, ampliando ata o 31 de decembro do 2021.

Neste tempo, o 18 de xuño de 2020, a alcaldesa de Folgoso do Courel mantivo unha reunión co presidente da Deputación para tratar, entre outros temas, a construción da residencia, manifestando José Tomé “o seu total compromiso, tal e como se constata na addenda ao convenio de seguir adiante coa tramitación para sacar a construción da residencia adiante”. Visto que a finais do ano 2021 se asinou segunda addenda de prórroga, tendo como data límite para a construción da residencia o mes de xullo de 2025, Lola Castro solicitou unha nova xuntanza con José Tomé, que finalmente foi co deputado delegado, Pablo Rivera, onde se explicou que tiñan que revisar o proxecto polo aumento dos prezos dos materiais coa intención de evitar problemas de licitacións desertas como esta a ocorrer noutras residencias.

⚙ Configurar cookies
0.080888032913208