O PP pediu o voto para o seu partido nas eleccións europeas nun acto en Monforte
A presidenta do PP lucense, Elena Candia, pediu durante un mitin en Monforte de Lemos o voto ao Partido Popular nas eleccións europeas para dicir “alto e claro: non ás políticas de incumprimentos de Sánchez”.
Candia avogou por “defender unha Europa que se pareza a Galicia: cun goberno marcado polo sentidiño, o das promesas cumpridas e con políticas serias que atendan á realidade do noso territorio”. É por iso polo que convidou a repetir “o vindeiro domingo 9 de xuño os resultados das pasadas autonómicas para referendar as políticas do autonómicas”.
Candia puxo como exemplo da “falta de xestión do Goberno de Sánchez que prexudica ao desenvolvemento do sur da provincia de Lugo o abandono da N-120, a parálise da autovía A-76 ou o bloqueo de informes técnicos por parte de entidades dependentes do Estado en relación ao Porto Seco”.
Tamén lembrou que “o Goberno do PSOE deixa á provincia fóra da alta velocidade co consentimento do BNG, o seu socio de Goberno, que non incluíu recuperar as variantes no pacto para investir a Sánchez presidente; un pacto que, ademais, están a incumprir” “Fronte á proposta do PSOE que presenta como cabeza de lista á máis ecoloxista dos socialistas que pon por diante dos lucenses medidas mediambientalistas e ao BNG que se presenta en coalición con ERC e Bildu, o Partido Popular é o partido que ten en conta á provincia porque é o partido que máis se parece aos lucenses”.
O candidato Adrián Vázquez aproveitou a ocasión para poñer en valor “o traballo do Partido Popular na defensa do sector vitivinícola”. Así, explicou que “o Partido Popular foi fundamental na negociación da reforma do Regulamento de Indicacións Xeográficas que aumentou a protección das DOP -coma a DOP Ribeira Sacra- e das IXP dos viños, mellorando os seus controis no mercado e no punto de venda”.
Así mesmo, incidiu en que “o Partido Popular evitou, a través da presentación de emendas, o intento de demonización dos viños por parte dos verdes e a alianza socialista que propoñían engadir no etiquetado das botellas o risco do seu consumo asociado ao cancro, igual que aparece nas caixas de tabaco”.
Katy Varela, portavoz do PP de Monforte, pola súa parte, destacou a importancia desta cita electoral xa que “en Europa decídense moitas das leis e normativas que nos rexen no día a día” poñendo como exemplo desta situación ao sector primario, un dos máis regulados por normativas europeas dentro da provincia".
Uns comicios que teñen que servir, afirmou Varela, para “poñer ao PP á fronte de España, como a forza política que se preocupa polos españois” en lugar de “Pedro Sánchez, ao que unicamente lle preocupan os seus ‘shows’ para tentar manterse no poder a toda costa”.
Katy Varela puxo ao PP como exemplo de partido “que se preocupa pola xeración de emprego e polo benestar dos lucenses”, en referencia ás declaracións dos políticos do BNG, como o caso do voceiro nacionalista en Monforte, Emilio Sánchez, que “sen ter en conta se cumpre ou non a lexislación, xa se amosan en contra de Altri”. Neste senso, cualificouno de “irresponsable por negar a posible chegada de empregos á provincia e o seu crecemento económico”.