O PP pedirá no Senado o impulso da autovía entre Lugo e Ourense

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Denuncian que a autovía “leva anos paralizada” e que só está en funcionamento un pequeno tramo entre Vilamarín e A Barrela
PP-lugo-ourense
Representantes do PP de Lugo e Ourense
2 Feb 2025

Os senadores do Partido Popular polas provincias de Lugo e Ourense esixirán ao Goberno de Sánchez dende a Cámara Alta “retomar e impulsar a autovía A-56 que une as cidades de Lugo e Ourense”. Así o explicou o senador lucense José Manuel Barreiro acompañado polos senadores de ambas provincias, alcaldes e portavoces dos municipios polos que estaba proxectada esta autovía.

Os senadores afean a resposta do Executivo a unha pregunta formal sobre os seus plans coa autovía A-56, máis concretamente sobre os prazos previstos para a súa posta en funcionamento. Sinalan que a resposta do executivo é que o proxecto “segue avanzando”. Unha resposta que, dende o PP, cualifican de “insatisfactoria”, polo que os representantes do PP no Senado por ambas provincias impulsarán unha proposición para instar ao Goberno de Sánchez de retomar a construción da A-56.

Barreiro explica que “esta autovía leva anos paralizada. Só está en funcionamento un pequeno tramo na provincia de Ourense, entre Vilamarín e ata A Barrela (Carballedo). Polo tanto, o que demandamos é darlle continuidade para que, efectivamente, se poda facer uso dunha vía de altas capacidades para comunicar as cidades de Lugo e Ourense”.

O senador do Partido Popular sinala que “foi o Goberno presidido por Mariano Rajoy o que tomou en serio este proxecto investindo entre o 2015 e o 2018 as maiores cantidades para facer posible o tramo que actualmente está en funcionamento”.

Dende entón, din, “o Goberno de Sánchez non fixo nada” e denuncian “o abandono e a falta de compromiso coa provincia de Lugo”.

0.1689829826355