O PP insta ao goberno provincial a mellorar as estradas do Camiño de Santiago

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PP insta ao goberno provincial a mellorar os 70 quilómetros de estradas da Deputación que coinciden con tramos do Camiño de Santiago
camino santiago ribadeo 1
5 Dec 2021

O PP insta ao goberno provincial a mellorar os 70 quilómetros de estradas da Deputación que coinciden con tramos de itinerarios do Camiño de Santiago.

"O bigoberno provincial ten acreditada unha singular concepción do sentido da responsabilidade en canto ás áreas nas que a Deputación ten que xogar un papel especialmente relevante. Na máis recente sesión plenaria, de novo se viu esa singularidade en varios dos asuntos a debate, pero quedou ben retratada na negativa de PSOE e BNG a apoiar a proposta do PP en relación coa mellora das estradas provinciais que coinciden con distintos itinerarios da ruta xacobea", explica oportavoz popular, Javier Castiñeira, que engade que “o Partido Popular de Lugo presentou onte unha moción no pleno da Deputación instando a esta institución a que poña en valor as súas estradas que coinciden con itinerarios do Camiño de Santiago. En total, estes tramos suman máis de 70 quilómetros, que, nalgúns casos, están en mal estado, presentan deficiencias, entre elas de sinalización; moi mellorables”. 

Os populares consideran que “é unha intervención necesaria para mellorar a imaxe da propia Deputación de Lugo e a do Camiño de Santiago; son miles de persoas as que pasan polos distintos itinerarios do Camiño, que é unha verdadeira industria do Turismo  para a nosa provincia, que axuda a economía de localidades do interior”.

Castiñeira sinala: “Todas as Administracións deben poñer o máximo dentro das súas posibilidades para facer máis atractivo o Camiño. Hai a posibilidade de que a Deputación  o faga a cargo de fondos do Estado para promocionar o Xacobeo; debe poñerse mans a obra, xestionar esas subvencións e non deixalas de lado. Os concellos, como o de Palas no que estamos hoxe, estanse implicando  en beneficio de todos. A Deputación de Lugo non pode permanecer á marxe”.

O portavoz popular tamén di: “Non nos gustou que no pleno da Deputación PSOE e BNG votaran contra a nosa proposta, deixando esta cuestión única e exclusivamente en mans da Xunta  de Galicia; é ilóxico, cada un debe xestionar os seus bens e as estradas provinciais son bens  da Deputación de Lugo, que se deben coidar e poñer en valor,  máis aínda se coinciden o Camiño de Santiago”.

0.1404070854187