O PP esixe ao Goberno na Deputación de Lugo dotar de seguridade a estrada LU-P-5303
O PP esixe a PSOE e BNG dotar de seguridade a estrada LU-P-5303, na aldea de San Lorenzo, en Ribas de Sil, para evitar unha caída de varios metros a un pozo.
"O nulo mantemento das estradas provinciais que caracteriza a PSOE e BNG a fronte do goberno provincial converteu estas vías en puntos de gran inseguridade para os condutores, pero non só polas fochancas e o mal estado do pavimento, senón tamén pola pasividade e a desidia de nacionalistas e socialistas á hora de preocuparse por repoñer ou dotar a estas estradas dos elementos de seguridade necesarios", sostiveron os deputados populares, Antonio Ameijide e Luis Fernández, acompañados da voceira popular en Ribas de Sil, Sandra Macía.
Así, comprobaron “o gran perigo” que entraña para os condutores a estrada provincial LU-P-5303, unha vía moi transitada e que carece, na maior parte do seu percorrido, de biondas ou dos elementos de seguridade precisos para evitar a caída dun vehículo polos numerosos taludes que hai ao longo desta estrada.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, pon como exemplo a situación que se dá á altura do PK 10,900 na aldea de San Lorenzo, un punto no que hai varias casas a ambos lados da estrada pero que, nunha das súas marxes, as vivendas están aunha altura de varios metros por debaixo da estrada.
“Vemos que neste punto hai unha caída de tres metros, aproximadamente, nunha zona na que a estrada é moi estreita e na que saen vehículos de ambas marxes, pero non hai ningún elemento que evite a caída dos coches”, explicou.
Ameijide recorda que se trata dunha vía perigosa xa que é moi estreita e sempre hai unha caída e é unha estrada moi transitada xa que ademais de dar acceso a varios núcleos de poboación e levar a varios miradoiros tamén dá servizo a unha canteira. De feito, os veciños xa puxeron esta situación en coñecemento da Deputación de Lugo para pedir a colocación de medidas de seguridade, así como a limpeza das cunetas para garantir a correcta evacuación da auga, ademais da poda das árbores e o desbroce da maleza que invaden a carretera e numerosos puntos.