O PP destaca os 4 millóns de euros extra que a Xunta destinará ao SAF nos concellos de Lemos

RibeiraSacraXa
No caso de Monforte, a achega adicional alcanzará os 1.269.164 euros ata 2028
pp-monforte-saf
9 Mar 2026

Raquel Arias, parlamentaria do Partido Popular, e Katy Varela, portavoz do PP de Monforte, destacaron hoxe o incremento da achega da Xunta de Galicia ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos concellos do partido xudicial de Lemos, que recibirán máis de 4 millóns de euros adicionais nos próximos tres anos.

Segundo explicaron, este aumento será posible grazas ao acordo entre a Xunta e a Fegamp, que permitirá elevar un 50 % as aportacións autonómicas destinadas a financiar o SAF. A contribución da Xunta pasará de 12 a 18 euros por hora en 2028, cunha subida progresiva que comezará a notarse este ano, ao elevarse ata os 16 euros por hora, e que chegará aos 17 euros no próximo exercicio.

Raquel Arias subliñou que esta medida supón “unha inxección económica moi importante para os concellos da comarca e unha mellora directa para as persoas usuarias, as súas familias e as profesionais que traballan neste servizo”. Segundo a parlamentaria, o SAF é “un dos recursos máis demandados e mellor valorados polas persoas dependentes e polas súas familias”, polo que resulta clave que a Xunta continúe reforzando o seu apoio a este servizo esencial.

No caso de Monforte de Lemos, a achega adicional alcanzará os 1.269.164 euros ata 2028. Katy Varela sinalou que esta cifra “desmonta unha vez máis o discurso de quen se dedica a confrontar coa Xunta mentres o Concello se beneficia dun esforzo económico cada vez maior por parte do Goberno galego”. A portavoz popular engadiu que este incremento permitirá aliviar de forma notable a presión sobre as arcas municipais.

Varela advertiu ademais que o PP de Monforte estará “moi vixiante” para comprobar como emprega o goberno local os recursos liberados polo aumento das aportacións da Xunta. “Se a Xunta asume máis financiamento para soster o SAF, o alcalde terá que explicar con claridade que fai cos cartos que o Concello deixa de destinar a este servizo”, afirmou. A portavoz insistiu en que o reforzo autonómico debe traducirse nun funcionamento máis eficaz do servizo e nun uso “responsable, transparente e útil” dos recursos municipais. “O PP vai fiscalizar que ese diñeiro reverta de verdade nos veciños e non quede diluído pola falta de xestión”, engadiu.

Raquel Arias lembrou que o SAF é unha competencia municipal e resaltou o alto custe que supón para os concellos, especialmente para aqueles con menos recursos propios. Por iso, considerou que a decisión da Xunta supón “un alivio real para os concellos e unha mostra clara do compromiso do Goberno galego coa política social de proximidade”.

Finalmente, ambas representantes lamentaron o voto en contra do BNG a esta medida e reclamaron, unha vez máis, que o Goberno central cumpra coa súa obriga de financiar o 50 % do sistema de dependencia, tal como marca a normativa. Advertiron que Galicia continúa asumindo un esforzo económico moi superior ao que lle correspondería ao Estado.

0.11863994598389