O PP denuncia o “abandono total” do complexo de Augasmestas

RibeiraSacraXa
Poñen en dúbida a reapertura desde recurso turístico pese a terse anunciadas as contratacións
pp-augasmestas
20 Mar 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto ao voceiro do PP de Quiroga, Adrián González, visitaron esta mañá o complexo turístico de Augasmestas, propiedade da Deputación de Lugo, para comprobar o estado do mesmo tras anunciarse, en 2025, as contratacións por importe 264.933 para rehabilitar o espazo.

Os deputados populares denuncian que o complexo atópase, a día de hoxe, nun estado de “abandono total” e que “o mobiliario e o material interior – que contaba cun prazo de instalación de dous meses – segue sen colocarse”. Ante esta situación, consideran “moi complicado” que Augasmestas poida abrir de cara á campaña de verán e lamentan a situación na que se atopa. “O peche vexetal seco por falta de coidado e as zonas verdes están totalmente descoidadas”, denuncian os populares, que aseguran que “é inaceptable que se invistan fondos públicos en contratos que despois non se supervisan nin se manteñen”.

“Estamos case en abril e un recurso turístico de primeiro nivel para a comarca segue pechado e deteriorándose”, denuncia Ameijide, que lembra que o complexo leva 20 anos pechado sen previsión de reapertura.

O complexo de Augas Mestas foi inaugurado en 1996 na confluencia dos ríos Lor e Sil, no entorno da Ribeira Sacra e do xeoparque Montañas do Courel, e as instalacións dispoñen de zona de acampada, bungalows, outras construcións de pedra, piscinas – unha para adultos e outra para nenos-, edificios de servizos -recepción, restauración, vestiarios- e, incluso, un pantalán de acceso ao río para embarcacións.

Para Ameijide, trátase dun “complexo pioneiro que debera ser referente e tractor turístico dun entorno privilexiado que leva anos esquecido polos gobernos provinciais de PSOE e BNG que suspenden en materia de impulso turístico”. Os populares aseguran que Augamestas “é fundamenal para dinamizar a actividade na zona”, polo que piden ademais “estudar a forma de recuperar as rutas de catamarán dende o embarcadoiro de Augasmestas que foron desmanteladas polos gobernos de PSOE e BNG”.

Así mesmo, defende a compatibilidade do uso do pantalán por parte da asociacións ou entidades asociativas co da propia actividade do complexo, despois de que “o goberno da Deputación negara sen ningún tipo de xustificación lóxica o seu uso por parte doutras entidades”, e afirma que “en toda a rede de embarcadoiros da provincia se autoriza o seu uso, por exemplo, a empresas de turismo fluvial dinamizan o sector turístico ao mesmo tempo que poñen en valor o noso territorio”. Polo tanto, Ameijide considera quue “denegar o uso do embarcadoiro de Augasmestas parécenos inxusto e carente de sentido”.

0.11712908744812