O PP denuncia no Senado a falta de conectividade en Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
Os senadores esixen por escrito explicacións sobre as iniciativas que está a adoptar o Goberno de España para corrixir a situación
pp-folgoso
PP Folgoso do Courel
18 Jun 2025

Os senadores do Partido Popular por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, presentaron unha petición formal ao Goberno de España para solicitar información sobre a situación da conectividade no municipio de Folgoso do Courel, tras as preocupacións trasladadas pola alcaldesa, Lola Castro.

Os representantes populares requiren ao Executivo explicacións sobre as iniciativas que está a adoptar para mellorar o acceso a internet, fibra óptica e cobertura móbil e fixa na zona. Tamén preguntan se existe un estudo integral sobre a cobertura da rede de fibra óptica no municipio e se se está a realizar un seguimento das solucións implementadas en materia de conectividade.

A alcaldesa, Lola Castro, explicou que “desde xuño do 2022 seguimos agardando que o Ministerio estenda ás demais aldeas a fibra óptica que chega dende Quiroga ata os dous núcleos máis grandes: Folgoso e Seoane do Courel. Na actualidade a conexión que teñen as aldeas é grazas ás actuacións da Xunta no 2015, pero o Ministerio non sabemos o que quere facer co concello de Folgoso do Courel”.

Os populares expresan a súa preocupación pola situación actual e sinalan que “os veciños e veciñas de Folgoso do Courel non poidan gozar das tecnoloxías que permiten o acceso a internet de alta velocidade, fibra óptica, cobertura móbil ou mesmo teléfono fixo con chamadas de calidade”. Ademais, destacan que a responsabilidade destas cuestións corresponde ao Goberno de España.

Desde o PP subliñan que a conectividade é fundamental tanto para os fogares como para os negocios do municipio, e que resulta necesaria para ofrecer igualdade de condicións respecto doutras zonas ou empresas instaladas en polígonos industriais. En opinión dos populares, “para asentar poboación no rural é necesario achegar estes servizos para que a xente poda estudar, traballar e relacionarse a través das tecnoloxías dixitais”.

Ademais, os senadores reprochan que, a pesar dos anuncios do Goberno sobre o peche da fenda dixital e a garantía de acceso a banda ancha ultrarrápida e telefonía ao 100 % da poboación a un prezo alcanzable, existen territorios nos que, segundo eles, estes servizos non chegan de forma efectiva.

Por último, lembran que varios ministerios do Goberno xestionan fondos europeos destinados á mellora da conectividade, especialmente para a extensión das redes en zonas rurais, e expresan a súa demanda de que estes recursos se empreguen para solucionar as situacións detectadas.

⚙ Configurar cookies
0.13579082489014