O PP de Ribas de Sil esixirá no Congreso a reposición do servizo de correos no municipio

RibeiraSacraXa
Os populares denuncian que o municipio leva dende xuño sen carteiro
pp-ribas-de-sil
29 Oct 2025

O PP de Ribas de Sil denuncia que o Goberno municipal votou en contra de repoñer o servizo de Correos no municipio que, segundo explican, está sen carteiro dende o pasado mes de xuño, e anuncian que pedirá explicacións no Congreso ao Ministerio de Transportes e a Correos ante esta situación.

Os concelleiros do Partido Popular, defenderon unha iniciativa no último Pleno para esixir “a implicación do alcalde para solicitar ante o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible e a Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, S.A. a adopción de medidas de forma urxente para corrixir a situación que xera atrasos recorrentes na entrega de cartas e paquetes aos veciños e veciñas”.

Porén, a iniciativa fracasou co voto en contra do grupo de Goberno, polo que agora os populares elevarán a queixa ao Congreso. O obxectivo, segundo o deputado popular Francisco Conde, é retomar este servixo “para que os veciños e veciñas poidan recuperar a normalidade”.

A voceira popular, Sandra Macía, condena “a perda de servizos no municipio” e afirma que “os servizos ferroviarios foron a menos, suprimíronse paradas do tren, despois pechou a única oficina bancaria e agora estamos sen carteiro” e, segundo manifesta, “non podemos deixar perder máis servizos para os veciños e veciñas”.

Pola súa conta, a deputada autonómica Raquel Arias denunciou a situación da zona sur da provincia onde, dixo, “cada vez dispoñemos de menos servizos ferroviarios, non temos paradas de autobuses, a N-120 está chea de fochancas sendo un perigo para a circulación e Ribas de Sil non ten carteiro”, culpando directamente da situación ao Goberno central e acusando directamente a Pedro Sánchez de deixar ao rural sen servizos.

⚙ Configurar cookies
0.07361888885498