O PP de Ribas de Sil denuncia que o único caixeiro que había no municipio foi desconectado
Jose Rodríguez, presidente do PP de Ribas de Sil, insta ao goberno local a facer as xestións necesarias para evitar a perda do único servizo bancario do que dispoñen na actualidade os veciños e veciñas do municipio, un caixeiro automático, tralo peche da sucursal bancaria a mediados do pasado ano.
Rodríguez sinala que "o caixeiro de San Clodio foi desconectado despois dun mes no que, practicamente, non funcionaba". Esta situación, segundo o popular, "prexudica seriamente os negocios locais e aos veciños e veciñas, especialmente ás persoas maiores que teñen máis dificultades para desprazarse a outras localidades, como a Quiroga, que é onde se atopa a oficina máis próxima", explica.
Así, pediu que "o goberno local tome cartas no asunto e faga as xestións necesarias para defender os intereses dos veciños e veciñas" porque, di, "é un servizo básico para aquelas persoas que non están familiarizadas coas novas tecnoloxías e que, polo tanto, non dispoñen doutra forma para facer os pagos das súas compras que non sexa a retirada de diñeiro en efectivo".
Tamén recordou que os concellos poden solicitar a súa adhesión ao acordo entre a Xunta e a Fegamp para proceder á instalación de caixeiros para que os usuarios poidan efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen ter que desprazarse a outras localidades.