O PP de Quiroga alerta dos problemas de cobertura móbil e internet no municipio tras os incendios

O grupo municipal do Partido Popular de Quiroga amosou a súa preocupación pola deficiente cobertura de telefonía móbil e conexión a Internet no municipio, un problema que se agravou tras os devastadores incendios do pasado verán. Segundo explican, non só se produciron perdas significativas no patrimonio natural e no medio de vida de moitos veciños, senón que tamén se viu afectado o acceso aos servizos de telecomunicacións.
“A tardanza en recuperar o servizo, varias semanas despois dos incendios, prexudicou a actividade diaria dos veciños á hora de realizar xestións esenciais”, apuntan os concelleiros do PP.
Diante desta situación, os populares propoñen que o Concello se dirixa formalmente ás empresas de telefonía para que, en caso de novas catástrofes ou incidencias de gran magnitude, adopten medidas inmediatas que garantan a continuidade do servizo, tanto para particulares como para empresas afectadas.
O grupo municipal tamén subliña que o malestar da veciñanza polo estado da cobertura móbil xa foi trasladado aos representantes no Senado, que se interesaron por coñecer se o Goberno central está a implementar medidas para mellorar este servizo no municipio.
O Partido Popular dará traslado destas preocupacións no vindeiro Pleno do Concello, insistindo na necesidade de garantir unha mellora efectiva na conectividade e a prestación de servizos básicos para toda a veciñanza.