O PP de Monforte urxe acometer traballos de asfaltado e alumeado entre o Polígono de Reboredo e a N-120

O PP de Monforte denuncia o “estado de abandono” da vía que conecta o polígono industrial do Reboredo e a estrada nacional N-120, un dos principais accesos á cidade e que, segundo os populares, atópase nun estado “totalmente deplorable”.
A voceira, Katy Varela, pon o foco na situación na que se atopa o firme que di, non se debe só á climatoloxía invernal, senón ás continuas avarías na rede de abastecemento de auga nese tramo, que provocan fochancas e o levantamento do asfalto de xeito recorrente. Ademais, sinala “un grave problema de seguridade”, xa que “o enlace conta con luminarias para garantir a visibilidade dos usuarios, pero xa nin lembramos a última vez que funcionaron”.
A N-120, insisten os populares “é unha vía fundamental para os veciños e veciñas de Monforte, xa que mentres non chega a tan demandada A-76, é a principal vía de comunicación coa provincia de Ourense. Trátase ademais dunha estrada que conecta cidades e vilas galegas de gran relevancia como Monforte, Ourense, Quiroga, O Barco de Valdeorras ou A Rúa”.
Por iso, Varela pide ao Goberno municipal que volva solicitar ao Ministerio de Fomente que execute os traballos pertinentes de reasfaltado e reposición da luz, e piden directamente ao Concello que actúe na rúa Reboredo, nas inmediacións do enlace, onde o estado das tubaxes e o asfalto “está a prolongar unha situación de abandono que xa dura demasiado tempo”.
A situación, din dende o PP, non é nova, senón que se arrastra dende hai anos. “Cómpre lembrar que no mes de maio do ano pasado dende o Grupo Municipal Popular de Monforte xa defendemos unha iniciativa no pleno do Concello solicitando o arranxo urxente do firme da N-120, especialmente no seu trazado pola nosa comunidade autónoma, moción que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación, contando incluso co apoio explícito do alcalde, pero que vemos non tivo repercusión algunha porque o Goberno de Pedro Sánchez nada fixo”, lembrou Varela.
A voceira critica que, desde entón, “non se levou a cabo ningunha actuación”, e que “a falta de mantemento e de investimentos tradúcese hoxe nunha estrada practicamente intransitable nalgúns tramos, onde nas últimas semanas se teñen producido decenas de incidencias que afectan á seguridade viaria e ao día a día dos usuarios”.