O PP de Monforte solicitará no pleno o inicio dos trámites para dotar ao municipio dun novo PXOM

O PP d Monforte defenderá no vindeiro pleno que o Concello inicie os trámites necesarios para que o municipio conte cun Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado á lexislación vixente.
A voceira municipal, Katy Varela, sinala que o Concello de Monforte de Lemos carece dun PXOM actualizado e adaptado á Lei do Solo de Galicia e á normativa estatal vixente, unha situación que segundo a popular “provoca un marco de inseguridade xurídica, limita o desenvolvemento económico e urbanístico, frea o asentamento de novas actividades empresariais ou residenciais e dificulta a execución de proxectos tanto públicos como privados”.
A voceira popular explica que o PXOM constitúe o principal instrumento de ordenación urbanística dun municipio xa que nel se regulan, entre outras cuestións, a clasificación e cualificación do solo, planifícanse os usos do territorio, defínese o modelo de crecemento e organízase o desenvolvemento sostible do termo municipal.
Por iso, di, “non se explica que este equipo de goberno sexa tan proclive a realizar obras de urbanismo, como as urbanizacións nas zonas denominadas C ou D no centro urbano ao carón do río, e non se decida a aprobación do PXOM, o que denota que é dunha absoluta irresponsabilidade abrir rúas e zonas urbanas novas sen ter aprobado un plan de urbanismo primeiro”.
A iniciativa que defenderán os populares no pleno contempla instar ao Concello a iniciar de inmediato a redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, elaborar e facer público un calendario de traballo que recolla as distintas fases do procedemento de elaboración e tramitación do PXOM, garantir a participación da veciñanza, asociacións, colectivos sociais e axentes económicos, dotar dunha partida específica aos orzamentos municipais destinada á contratación de equipos técnicos especializados para a súa redacción, e dar traslado deste acordo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, solicitando a colaboración e asesoramento técnico para a correcta elaboración do novo plan.