O PP de Monforte solicitará maior control de velocidade na entrada de Monforte pola parroquia de Piñeira
O Partido Popular pedirá no vindeiro pleno municipal un maior control de velocidade na entrada de Monforte pola parroquia de Piñeira dende o municipio de Sober. Os populares, que visitaron recentemente a zona, trasladarán así as queixas dos veciños do lugar que indican que o coches sobrepasan o límite recomendado, xerando unha gran incertidume nos residentes por medo a que aconteza algún sinistro. Neste senso, solicitarán que este control se efectúe coa instalación dun radar ou de pasos elevados, como así se realiza noutras zonas da cidade.
Deste xeito, Katy Varela, indica que tamén pedirán un paso de peóns á altura do cruce no que se atopa o centro social, “pois non existen en boa parte do tramo e ocasiona unha maior perigosidade aos usuarios”. Argumenta, ademais a voceira do PP monfortino, que a colocación deste elemento é máis necesaria se cabe se se ten en conta que, nesta parroquia, se inicia a estrada provincial LU-P 3201 que chega ao lugar de Guntín, e na que existe un carril bici que, “na actualidade, está nun estado desolador, con maleza que cubre completamente un dos carrís”.