O PP de Monforte sinala que o SAF só cubre o 58% das persoas dependentes
O Partido Popular de Monforte, que lidera Katy Varela, alerta de que a ratio de atención do SAF neste municipio tan só cubre o 58% das persoas dependentes, polo que a lista de agarda alcanza xa as 86 persoas.
Estas cifras, son para a voceira do PP, “alarmantes e preocupantes”, pois hai que ter en conta tamén que “aínda hai máis de 4.700 horas asignadas pola Xunta de Galicia pendentes de prestar”. “Resulta bochornoso en canto á xestión do equipo de goberno e máis tras escoitar esta fin de semana ao Sr. Tomé que os presupostos son eminentemente sociais”, afirma Varela.
Por este motivo, os populares da cidade do Cabe consideran que, dadas as declaracións do rexedor socialista, “o primeiro que debería de facer sería solucionar o colapso do SAF, que só é responsabilidade da súa xestión”. Afirman así que o seu proceder neste asunto “é máis que criticable, xa que podería pedir máis horas á administración autonómica para acabar ou reducir esta lista, pero tampouco o fixo”.
Katy Varela expón, ademais, que non ten sentido que se escuse na Xunta de Galicia cando esta administración acaba de anunciar un incremento no importe de horas dun 13,4%. “É intolerable que Concellos moi máis pequenos e menos recursos humanos, a ratio de atención estea en tan só no 1% e que Monforte, a segunda cidade de Lugo se aproxime ao 60%”. En conclusión, sinala Varela, “ de nada serve que a Xunta outorgue recursos se o goberno local non os sabe xestionar”.